Nicaragua: os seus éxitos e a ofensiva imperialista

Ángel Guerra - 12 Xan 2017

A rotunda vitoria obtida por Daniel Ortega, cun 62 por cento de participación electoral -cifra que poucos países alcanzan na nosa rexión-, fortaleceu politicamente a Alternativa Bolivariana para os Pobos da nosa América (ALBA)

Na segunda fase da Revolución sandinista, Nicaragua, que sempre aparecía no soto entre os países de América Latina e o Caribe, rivalizando en pobreza e marxinación con Haití, tivo avances sociais significativos. Porén, estes e a resplandecente vitoria electoral da Fronte Sandinista de Liberación Nacional (FSLN) nas eleccións do 6 de novembro pasado, nas que Daniel Ortega, o seu candidato á presidencia, obtivo o 72.5 dos votos, foron recibidas cun silencio atronador polas corporacións mediáticas e mesmo por medios progresistas que non comprenderon a transcendencia do sandinismo na xeopolítica da esquerda rexional.

Nicaragua: os seus éxitos e a ofensiva imperialista

 É natural que así sexa no que concirne aos medios dominantes, pois ese resultado electoral contradí os teóricos doa “fin de ciclo progresista”, que se aledaron enormemente e argumentaron que as súas teses se confirmaban ante as derrotas electorais dos gobernos populares nos comicios presidenciais arxentinos, os parlamentarios en Venezuela, o referendo sobre a repostulación de Evo Morales en Bolivia e o golpe de Estado parlamentario-mediático-xudicial en Brasil.

 De xeito que non pode haber dúbida: a vitoria electoral do FSLN constitúe un magnífico agoiro para as eleccións de febreiro en Ecuador, onde a fórmula Lenín Moreno-Jorge Glass, de Alianza País, goza dunha importante aceptación e podería impoñerse en primeira volta apoiada na popularidade do seu líder e fundador Rafael Correa.

 A rotunda vitoria obtida por Daniel Ortega, cun 62 por cento de participación electoral -cifra que poucos países alcanzan na nosa rexión-, fortaleceu politicamente a Alternativa Bolivariana para os Pobos da nosa América (ALBA), mecanismo de unidade, integración e concertación política máis avanzado ao sur do río Bravo, cuxa concepción e práctica é fundada nunha relación de solidariedade e complementariedade entre os seus membros, como tamén no recoñecemento dos graos de desenvolvemento como principio reitor dos apoios mutuos desde que foi constituída por Fidel Castro e Hugo Chávez en decembro de 2004.

 Nicaragua deseñou unha batería de programas sociais tales como Hambre Cero, Plan Techo, Usura Cero, Merienda Escolar, Bono Productivo e Casas para el Pueblo, que no seu conxunto se dirixen á diminución e erradicación do drama da pobreza. Unha enquisa que abrangue o período 2009-2014, asesorada e validada polo Banco Mundial, revelou que a pobreza xeral decreceu de 42.5 a 29.6 por cento, mentres que a pobreza extrema se reducía de 14.6 a 8.3 por cento. A investigación deu como resultado que 70 por cento dos nicaraguanos se sitúa na categoría de non pobre, algo inimaxinábel nos duros 17 anos de gobernos neoliberais que precederon ao regreso de Daniel Ortega á presidencia en 2007. Estes arrasaron cos inmensos logros alcanzados pola primeira fase do sandinismo pese a estar sometido a unha cruenta guerra de desgaste e mediática por Estados Unidos, que chegou a minar os portos de Nicaragua para illala do mundo e tivo unha expresión moi sanguenta nos embates da contra, financiada e armada polo goberno de Ronald Reagan. Mesmo o analfabetismo, erradicado neses anos volveu florecer co neoliberalismo. Ortega debeu relanzar a campaña alfabetizadora, coroada de novo co maior éxito. Os programas contra a pobreza no país centroamericano tiveron o mérito de non se basear no asistencialismo senón en dotar as familias dos medios que lles permitan incorporarse ao traballo produtivo, construír ou reparar as súas vivendas, ou, no caso dos nenos e nenas, recibir un importante suplemento alimentario coa comida escolar.

 Moitas familias pasaron de non ter nada a ser parte da cadea produtiva ao proporcionarlles o Bono Productivo galiñas e vacas non só para a súa subsistencia senón para crear un excedente que lles permite levar ao mercado leite, ovos e queixo. A experiencia comprende alianzas do goberno cos empresarios. A FAO, por outra banda, recoñece que Nicaragua logrou entre 1990 e 2014 reducir o índice de poboación subalimentada dun 50.5 por cento a un 16 por cento. Todas as cifras mencionadas son máis que elocuentes e demostran que o país dos volcáns deixou de estar no soto das estatísticas rexionais grazas ao regreso do sandinismo ao goberno e que o éxito electoral do FSLN obedece a ese cambio ostensíbel.

 Por que nunha subrexión, onde como en México e salvo en Costa Rica, masas enteiras emigran a Estados Unidos, Nicaragua é a excepción? e tamén: por que a diferenza dos seus veciños o crime organizado non actúa descontroladamente?

 Os éxitos do sandinismo, malia estar o país atado ao Tratado de Libre Comercio de Centroamérica e República Dominicana, nunha rexión historicamente caracterizada polas intervencións e a inxerencia do imperialismo estadounidense, fixeron que o Grupo de Traballo do Foro de São Paulo, que acubilla a partidos de esquerda e movementos sociais diversos de América Latina e o Caribe, decidise manter unha reunión de reflexión en Managua os días 11 e 12 de xaneiro, con posterioridade ao 10, en que se realizará a toma de posesión de Daniel Ortega e a súa vice Rosario Murillo. Xustamente, o domingo 8 e luns 9 estívose analizando polos participantes o Consenso da Nosa América, documento que se propón analizar as causas das mencionadas derrotas electorais ou golpes de Estado exitosos contra os gobernos populares logo dunha cadea de vitorias que parecía imparábel e o contragolpe que aqueles e os movementos sociais deben asestar ao imperio.

 Debemos ter moi presente que Washington desencadeou unha contraofensiva cara aos gobernos progresistas a partir da incursión e bombardeo ianqui-uribista en territorio ecuatoriano contra un destacamento das FARC en misión de paz, que encabezaba o comandante Raúl Reyes. Tamén, o precedente golpe de Estado frustrado contra o presidente Hugo Chávez e despois os exitosos contra os seus homólogos Manuel Zelaya, en Honduras; Fernando Lugo en Paraguai e Dilma Rouseff, en Brasil. Ademais dos tamén frustrados contra os gobernos de Evo e Correa.

 Non esquecer nunca a guerra multidimensional do imperialismo contra a Venezuela bolivariana, dentro da cal a guerra económica e mediática son compoñentes fundamentais aínda que non únicos. Nin tampouco a permanente política subversiva de Estados Unidos contra Cuba. Aínda que se restableceron as relacións diplomáticas, aí seguen o bloqueo e os fondos do orzamento estadounidense para financiar a contrarrevolución.

 Nicaragua sandinista, onde tamén se planifica o golpe brando foi sempre solidaria cos seus irmáns do ALBA e as causas xustas da nosa América, como a loita pola independencia de Porto Rico, o dereito de Arxentina sobre As Malvinas e de Bolivia a contar cunha saída ao mar. Unha razón máis pola que merece apoio e recoñecemento aos seus logros.

 

[Artigo tirado do sitio web Telesur, do 8 de xaneiro de 2017]