Negacionismo, derrota e nova orde global
A administración saínte de Joe Biden decidiu condicionar a Donald Trump xerando unha escalada no conflito. Busca en forma desesperada unha resposta nuclear rusa para cambiar a promesa trumpista de pór fin ao conflito
O desenlace da guerra en Europa Oriental ten implicacións xeopolíticas decisivas nos aspectos xeopolíticos, estratéxicos e económicos. Gran parte da nova orde global que se está conformando ten a súa orixe no conflito bélico que se iniciou mil días atrás, un 24 de febreiro de 2022. Naquela oportunidade, a Federación Rusa decidiu frear a provocación da OTAN, iniciada a mediados dos anos 90. O último capítulo da ofensiva atlantista contra Moscova pretendeu instalarse en Ucraína, baixo a dirección do revisionismo neonazi, sintetizado na imaxe do designado en 2018 como heroe nacional ucraíno, o integrante das SS, Stepan Bandera.
A administración saínte de Joe Biden decidiu condicionar a Donald Trump xerando unha escalada no conflito. Busca en forma desesperada unha resposta nuclear rusa para cambiar a promesa trumpista de pór fin ao conflito. A autorización de Washington para utilizar mísiles estadounidenses contra Rusia ten toda a intención de entregar unha situación xeopolítica caótica á próxima administración do magnate neoiorquino.
O mandatario que iniciará a súa segunda presidencia en xaneiro próximo ten os seus obxectivos postos no Sueste Asiático e no Próximo Oriente. No primeiro caso, para conter a emerxencia da economía chinesa, e no segundo, para configurar un acordo entre o eixo petroleiro e Israel para rachar ou illar a República Islámica de Irán. Trump manifestou que os 175 mil millóns de dólares achegados a Ucraína debilitaron a economía estadounidense xa socavada pola perda da produtividade e a competitividade respecto de Beijing. O vicepresidente electo James David Vance sinalou a necesidade de que Ucraína ceda terras capturadas á Federación Rusa e que se esqueza de se sumar á OTAN.
Mentres Occidente elude asumir a obvia derrota militar, mediante a apelación a formatos de guerra cognitiva, manipulación dos algoritmos e influencers, Moscova continúa o seu avance no campo de batalla contra os 32 países que conforman a OTAN. Na última semana Washington, París e Londres autorizaron a Kiev o lanzamento de mísiles de medio alcance, Atacms estadounidenses, Storm Shadows británicos e Scalp franceses.
Para evitar que a política exterior estadounidense poida modificarse en xaneiro próximo, os globalistas do partido demócrata lanzaron unha brazada de afogado, posibilitando a utilización de mísiles de cruceiro e minas antipersoais a Ucraína. A resposta deixou pampos os analistas estratéxicos de Bruxelas, sede do secretario xeral atlantista, o neerlandés Mark Rutte: un día despois do ataque con Atacms, Moscova respondeu cun mísil balístico Intercontinental (ICBM) denominado Oreshnik (traducíbel do ruso como "cor abelá"), capaz de alcanzar velocidades hipersónicas de Mach 10 (ao redor de tres quilómetros por segundo), entre seis e dez veces máis rápidos que os mísiles de cruceiro entregados a Kiev.
O ataque, anunciado previamente por Vladimir Putin, tivo como obxectivo a planta industrial YuzhMash en Dniepropetrovsk onde se ensamblan os propulsores balísticos ucraínos Yuzhmash. O desenvolvemento misilístico ruso acelerouse como consecuencia da ruptura unilateral, por parte de Washington, do Tratado sobre Forzas Nucleares de Rango Intermedio (Tratado INF) en 2019.
O Instituto de Estudos da Guerra, con sede en Washington, que fai un seguimento diario do conflito, sinala que Moscova se apoderou de 110.649 quilómetros cadrados de territorio ucraíno, mentres que Kiev logrou intervir apenas 500 quilómetros cadrados de territorio ruso, na súa incursión en Kursk. As Forzas Armadas da Federación, pola súa banda, tomaron máis de mil quilómetros cadrados entre o 1 de setembro e o 3 de novembro, exhibindo unha fortaleza indubidábel. Iso implica que Moscova gañou case seis veces máis territorio ucraíno en 2024 que nun ano anterior. Durante ese mesmo lapso, Volodimir Zelenski sufriu graves apuros para sumar mercenarios e recrutas.
A guerra é a continuidade da política por outros medios. E iso que entendemos como política remite a varias dimensións do poder e da capacidade para lle impor ao inimigo determinadas condicións. Os resultados de todo enfrontamento bélico conclúen cunha capitulación (como a admitida pola Alemaña nazi en 1945), un armisticio, que suspende as accións militares sen darlle resolución final ao conflito (suspendendo as hostilidades), ou mediante un acordo de paz. Nos tres casos, a guerra en Europa Oriental concluirá cunha derrota da OTAN, escenario co que se profundará a mutación estrutural do poder global.
O lúcido e infatigábel analista internacional ruso Victor Ternovsky suxire que nos próximos meses os otantistas se van ver obrigados a asumir tres opcións: (a) recoñecer o seu erro de se ter enfrontado a Moscova; (b) asumir a derrota militar; ou (c) aferrarse ao seu negacionismo e demencia para perecer nunha apocalipse nuclear. Tempos de elixir en franca derrota.
[Artigo tirado do xornal arxentino Página12, 24 de novembro de 2024]