Nebra, a represión como sistema, e a alianza obreira-campesiña

Manuel Mera - 10 Out 2022

Despois dos tráxicos acontecementos, o xuíz decretou a clausura da Liga Agraria de Nebra e da Protección Obreira de Porto do Son. Produciuse axiña un forte movemento de solidariedade coas vítimas da clase obreira, de republicanos, socialistas e galeguistas

 Malia que as autoridades culparon os labregos e labregas de que fose inevitábel a represión do 12 de outubro de 1916 en Nebra, Porto do Son, e así o divulgaron moitos dos xornais da época, resulta evidente que non era certo. As persoas que intentaron evitar o embargo, por non pagar un imposto especial do concello. Este trabuco fora decidido pola corporación municipal, que deste xeito quería saldar o déficit nas contas do Concello de 1915, e que a Deputación da Coruña lle esixía pagar. Os/as concentrados non portaban fouces ou calquera outro trebello de traballo que permitise unha agresión, tal como se evidencia no feito de que só houbo dous gardas civís con contusións leves. Así mesmo, os labregos/as fixeran previamente xestións, tanto diante do Concello como do Goberno civil para evitar o pagamento do imposto, ou para adialo no tempo, sen ningún resultado positivo.

 Aquela era unha carga fiscal inxusta e que colocaba a moitas familias labregas nunha situación límite, polo que a corporación municipal xa esperaba o rexeitamento cando o aprobou o 12 de xaneiro de 1916. A Liga Agraria de Nebra tomou a iniciativa da oposición a esta aldraxe e convocou a veciñanza a unha manifestación o 3 de abril fronte ao Concello, esixindo a dimisión da corporación. O comercio pechou as portas, uns por solidariedade e outros por medo. As autoridades municipais non recibiron os concentrados, o que alentou o descontente. Faloulles, entre outros, o presidente da Protección Obreira de Porto do Son, Xosé Ferrín, para calmar os ánimos. Ao final, os presentes amosan o seu estado de ánimo, e berran: Morran os caciques! Viva a unión dos labregos e traballadores! Foi entón cando apareceron tres parellas da garda civil armadas e comezaron a repartir golpes, mallando a xente coas culatas dos fusís.

 Na concentración foron detidos cinco veciños. Para esixir súa liberdade realizouse unha manifestación até Noia, á que se foron sumando veciños/as do Son, de Noal, Nebra e Portosín, até acadar un milleiro de manifestantes que se concentraron nas portas do xulgado. Diante desta demostración de forza, o xuíz deixou en liberdade os presos, que foron levados a ombreiros polas rúas da vila. No mesmo mes de xuño, convocouse unha mobilización no Porto do Son, xa que o tema de fondo, o imposto especial, seguía vixente. Reuníronse diante do Concello tres mil veciños/as de todas as parroquias. Desta volta a Garda Civil non fixo acto de presenza. Logo deste acto de protesta masivo, a corporación presentou a dimisión diante do Gobernador (do Partido Liberal), mais este non a aceptou, agravando así o conflito.

 O 12 de outubro para evitar o embargo dunha vaca, polo impago do imposto especial por parte dun veciño, 300 labregos/as axuntáronse no lugar de Cans. Segundo a Garda Civil, a protesta violenta contra o embargo contou coa complicidade da Liga Agraria de Nebra que intentou recuperar o animal requisado, polo que se fixo inevitábel a utilización da forza. A represión causou cinco persoas mortas, das que tres faleceron posteriormente por mor das feridas. Catro das vítimas foron mulleres, o que as coloca na primeira liña da protesta. O número de persoas feridas chegou ás corenta. Das feridas de gravidade, que non morreron, nove foron levadas a hospitais de Compostela, cinco homes e catro mulleres. Das que foron hospitalizadas, con ferida de bala, sabemos as idades; ían dos 16 até os 59 anos. Son datos que reflicten que a protesta integraba homes e mulleres, mocidade e persoas maiores, as familias, o pobo, e que a represión da Garda Civil se fixo ao chou (ademais eran forzas considerábeis, estaban integradas por un capitán, 2 tenentes e 32 “números”).

 Despois dos tráxicos acontecementos, o xuíz decretou a clausura da Liga Agraria de Nebra e da Protección Obreira de Porto do Son. Produciuse axiña un forte movemento de solidariedade coas vítimas da clase obreira, de republicanos, socialistas e galeguistas. O 29 de outubro fíxose un mitin no teatro Rosalía de Castro da Coruña, ao que asistiron 3.000 persoas, para protestar contra a represión. Ao final do mitin, celebrouse unha manifestación á que asistiron 4.000 persoas. O 3 de novembro, realizouse en Compostela unha concentración de estudantes en apoio aos campesiños/as de Nebra e repudio á represión. E, tal como se pedira no mitin da Coruña, tería lugar o día 20 de novembro, tamén en Compostela, unha asemblea de solidariedade á que asistiron organizacións obreiras e agrarias, e asociacións culturais de toda Galiza. Varias das persoas que interviñeron no acto pediron que se fixese un Congreso para crear unha Federación Obreira Galega; o que amosa a sensibilidade respecto deste tema que xa existía daquela. A lembranza da data, súa importancia, fica evidente cando no primeiro número d’A Nosa Terra, en outubro de 1917, que coincide co aniversario da traxedia, se afirma: “Vítimas de Nebra, os bos galegos nunca vos esquecerán!”.

 

[Galiza, 10 de outubro de 2022]