Navantia traslada o compromiso de vixiar que as auxiliares cumpran coas condicións laborais e salariais do persoal
Reunidos a día de hoxe a comisión de auxiliares do comité de Navantia, as federacións dos sindicatos con representación nos estaleiros públicos da Ría de Ferrol e a dirección de Navantia, a parte social obtivo o compromiso da compañía naval pública de vixiar que as empresas auxiliares cumpran a legalidade en materia de condicións laborais do seu persoal.
A CIG-Industria valora de xeito positivo a xuntanza, mais advirte que estará vixilante para que ese compromiso sexa efectivo e para que todas e cada unha das compañía auxiliares que desenvolven a súa actividade dentro dos estaleiros de Ferrol e Fene respecten as condicións laborais e salariais recollidas no convenio de siderometal da provincia da Coruña.
Isto supón aplicar os acordos económicos para o persoal que traballa dentro das instalacións de Navantia, con independencia de cal sexa o convenio de referencia da empresa auxiliar, así como garantir que se cumpre a legalidade no resto de materias (xornada laboral, descansos, vacacións etc.).
A CIG-Industria reitera que está nas mans de Navantia rematar coa precariedade que padece o persoal das contratas e subcontratas, regularizar as condicións nas que se traballa dentro dos estaleiros e frear a competencia desleal entre as propias auxiliares á hora de presentar ofertas ás licitacións, baixando os custes a conta de vulnerar os dereitos laborais e salariais.
Como empresa principal, Navantia ten as ferramentas para pór orde dentro da industrial auxiliar. E o camiño máis seguro para rematar con esta problemática, reter man de obra cualificada (nun momento ademais de grande expectativa de carga de traballo) e evitar a conflitividade permanente pasa porque Navantia inclúa nos pregos dos contratos cláusulas que obriguen as empresas auxiliares ao escrupuloso cumprimento da normativa laboral e a aplicar o pactado no convenio provincial de siderometal.
Unha empresa pública como Navantia ten que ser exemplo e garantía de respecto aos dereitos laborais, salariais e sociais dos seus traballadores e traballadoras.