Navantia presiona as auxiliares para que recuperen o tempo da folga con horas extraordinarias na fin de semana e o festivo
A CIG-Industria de Ferrol denuncia as presións que está a exercer Navantia coas industrias auxiliares do naval, instándoas a que fagan canto sexa preciso para recuperar o tempo non traballado pola folga no metal. Para a central sindical resulta especialmente grave que sexa unha empresa pública a que manteña esta actitude despótica cara ás súas contratas, presionando para que se traballe durante toda a fin de semana e o día festivo.
Critican que a dirección de Navantia “sabe perfectamente que este tipo de presións se converten en ameazas aos traballadores ás traballadoras das auxiliares para que realicen horas extraordinarias a conta de sacrificar o seu tempo de descanso.” Ademais, este tipo de actuacións tamén constitúe, na práctica, unha vulneración do dereito fundamental de folga "que non imos tolerar".
Neste senso, CIG-Industria salienta que "con esa mesma celeridade coa que Navantia coacciona, podería instar a patronal do sector para que convoque a mesa do convenio e se poña a traballar de cara a unha saída negociada do conflito, nos termos formulados pola parte social".
Á vista desta actuación intolerábel, a Federación de Industria da CIG en Ferrol xa adianta que se constata que algunha empresa, sexa pública ou privada, impide que o seu persoal exerza libremente o seu dereito á folga "adoptaremos todas cantas medidas legais e socias estimemos oportunas".
O mércores 18, terceira xornada de folga
Por outra banda, informar que na vindeira xornada de folga no sector do metal, o mércores 18 de maio, a maiores dos piquetes informativos itinerantes, as reivindicacións trasladaranse ás instalacións que a empresa Calsomatu ten no Polígono de Vilar do Colo, xa que esta é outra das empresas que participa na mesa do convenio e que se nega a sentarse na procura dun acordo.