Vicente Vidal: "Navantia e a Xunta non poden quedar de brazos cruzados no conflito das auxiliares"
Traballadores e traballadoras da industria auxiliar, co apoio do persoal de Navantia, concentráronse na mañá deste luns nos estaleiros de Fene e Ferrol para esixir da patronal provincial do metal que asuma a incorporación dos acordos no articulado do convenio colectivo. Dende CIG-Industria ínstase a Navantia e a Xunta de Galiza a que se impliquen activamente na resolución do conflito, pois "non poden quedarse de brazos cruzados asistindo a un conflito gratuíto, provocado pola arrogancia dunha patronal que non só renega das súas responsabilidades, senón que ademais mantén o convenio secuestrado e veta lograr unha solución definitiva".
Non existe xustificación posíbel a vetar que os salarios do persoal das auxiliares estean garantidos polo convenio do metal"
A protesta realízase no marco das mobilizacións previas á decisiva reunión entre patronal provincial, empresas do naval e representación sindical que terá lugar este martes 18 de setembro en Compostela, coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais. Neste encontro, as centrais sindicais esperan unha resposta positiva ás xustas reivindicacións do persoal, que permita pór fin á longa loita nas auxiliares.
Pero, no caso de non acadárense solucións favorábeis, "dende a CIG esixiremos que as empresas paguen xa os acordos, pois non imos agardar indefinidamente, e, tal e como xa anunciamos, proporase un novo calendario de mobilizacións nas asembleas, e mesmo a convocatoria de folga", advirte o secretario comarcal da CIG-Industria, Vicente Vidal.
Actitude prepotente da patronal provincial
O responsábel sindical lembra que o pasado 26 de abril as empresas do naval presentaron unha oferta na mesa comarcal na que se está a negociar a recuperación dos acordos de 2001, condicionada a que a patronal provincial aceptara integrala no texto do convenio do metal. Aínda sen acordo sobre esta oferta, intensificáronse os contactos coa patronal provincial para garantir a súa incorporación no convenio, mais dende aquela "só recibimos negativas baseadas en argumentos irracionais e caprichosos", denuncia.
Vidal rexeita esta actitude e subliña que non existe xustificación posíbel a vetar que os salarios do persoal das auxiliares de Navantia estean garantidos polo convenio do metal. "O convenio é tanto dos/as traballadores/as como das patronais, e se as empresas e o persoal das auxiliares chegamos a un acordo e queremos metelo en convenio para darlle carta de legalidade, para evitar competencia desleal entre compañías a canta dos salarios, para evitar que a eventualidade penalice dobre e triplemente os traballadores e traballadoras deste sector que nunca consolidan nin categoría nin salario; non hai argumento que xustifique esta negativa", asevera.
Responsabilidade de Navantia e do Goberno galego
Navantia e a Xunta non poden quedar de brazos cruzados asistindo a un conflito gratuíto mentres a patronal renega das súas responsabilidades e ten o convenio secuestrado"
Neste senso, dende a CIG esíxese a implicación activa da dirección de Navantia e da Xunta de Galiza para que fagas as xestións precisas coas cúpulas patronais, que permitan rematar "cun modelo de relacións laborais baseado na desregulación, no abuso de poder e na esquiveza e que pouco cadra coa imaxe de modernidade e excelencia empresarial que se nos quere vender".
E engade, "non todo vai ser compartir inauguracións, botaduras e pinchos, tamén queremos ver a Navantia e o Goberno galego dando solucións aos problemas. Non poden quedar de brazos cruzados asistindo a un conflito gratuíto, provocado pola arrogancia e a prepotencia dunha patronal que non só renega das súas responsabilidades reguladoras para co sector, senón que ademais mantén o convenio secuestrado, e veta a solución que lle demandamos conxuntamente desde as empresas e os sindicatos".