Nais e pais do alumnado do IES de Brión seguirán mobilizándose para “recuperar o que se recortou” no centro
Nais e pais do IES de Brión apoiados pola CIG-Ensino concentráronse esta mañá diante da consellaría de Educación en demanda de “máis docentes, para un ensino decente”. Advertiron á nova conselleira de educación, Carmen Pomar que “Brión non vai parar” e anunciaron que seguirán mobilizándose en demanda de que se recupere todo o que se recortou no centro tanto para este curso como para os vindeiros. A CIG-Ensino ten convocada unha asemblea de profesorado para o vindeiro luns.
As nais e pais do alumnado de IES de Brión acordaron onte en asemblea rematar co peche que mantiñan desde o comezo de curso e que as e os rapaces regresaran hoxe mesmo ás aulas logo de que, desde a Inspección educativa se ofertara ampliar as horas lectivas.
Con todo, esta mañá, ao inicio da concentración, Tito Souto, en representación das nais e pais do alumnado do IES, valoraba esta oferta como “un pequeno paso”, pero advertía que “temos claro que é insuficiente” porque “só permite recuperar o PEMAR de terceiro e ao mellor algunha optativa, pero aínda está por ver”.
Souto anunciaba ademais que as nais e pais seguirán “pelexando polos nosos dereitos e os dos nosos fillos e fillas” para recuperar, cando menos, a situación que tiñan o curso pasado e que a súa intención é seguir traballando “coa vista posta no próximo curso, porque seguramente vaian aparecer problemas e queremos atallalos desde o principio, que non cheguen a producirse”. Por iso asegurou que “mantemos a mobilización de hoxe e futuras mobilizacións”.
“Non colma as expectativas da comunidade educativa”
Nese sentido se pronunciaba tamén o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, para quen dotar dun profesor/a máis o centro para impartir o PEMAR e para desdobrar o inglés en cuarto da ESO “evidentemente non colma as expectativas da comunidade educativa do IES de Brión, nin da ANPA do centro nin, por suposto, do claustro de profesorado”.
A CIG-Ensino ten convocada, para o vindeiro luns día 1 de outubro, unha asemblea para abordar esta situación e ver que decisión se adopta por parte do profesorado. Bermello avanzou, en todo caso, que desde a CIG-Ensino “atenderemos as demandas da ANPA e evidentemente seguiremos presionando para que no instituto de Brión e en todos os institutos de Galiza haxa un cadro de persoal que atenda realmente as necesidades dos centros”.