No servizo de limpeza do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, Ferrovial reprime e o Sergas consinte
Os traballadores e traballadoras do servizo de limpeza do Hospital Arquitecto Marcide iniciaron este luns mobilizacións para esixir a Ferrovial que "cese as represalias" e en demanda da "recuperación dos postos de traballo e os dereitos que nos roubaron". A destrución de emprego e a precarización das condicións laborais contrasta co millón de euros de beneficio que a CIG-Servizos de Ferrol e o Comité calculan vai tirar a empresa co novo contrato, xa que o SERGAS incrementou o prezo do servizo a niveis pre-crise, para limpar os mesmos metros cadrados, pero con 20 traballadoras/es menos.
O persoal da limpeza, ademais, leva cos salarios practicamente conxelados dende o ano 2012. E por se non fora abondo, subliña Marcos del Río, Presidente do Comité (no que a CIG ten a marioría), a empresa aplica unha política de represión laboral, castigando o persoal que cae de baixa médica con cambios de postos, mudándolle os horarios, ou aproveitándose da bolsa de hora para envialos a facer os traballos máis penosos.
Para enfrontar esta situación acordaron realizar hoxe esta primeira concentración no hospital ferrolá, pero advertindo que continuarán coas protestas se a empresa non corrixe a súa actitude. De feito, non descartan incluso a convocatoria de folga no servizo.
Incremento dos beneficios
En canto ao concurso, Fernando Balsa, da CIG-Servizos de Ferrol, explica que o contrato para este servizo leva varios anos recaendo en compañías que forman parte do grupo empresarial Ferrovial.
Neste senso, o Presidente do Comité acusa ao Sergas de facilitar a empresa aplicar todo tipo de recortes pois, se antes da crise os pregos estabelecían que eran necesarios un mínimo de 120 traballadores/as para facer o servizo, neste último, rebaixa esta dotación de persoal a 100 persoas, a pesar de que a superficie a limpar segue a ser a mesma.,
Esta situación dáse, engade Del Río, logo de que Ferroser, anterior concesionaria tamén do grupo Ferrovial, coa escusa da crise, reducira o cadro de persoal nunhas 20 persoas, quedando cos arredor de 100 traballadores/as actuais.
Mais isto non é todo, advirte, pois ademais de despedir, nos últimos anos a empresa aplicou recortes laborais e salariais, facendo seu o roubo das pagas extraordinarias que a administración impuxo ao seu persoal, non cubrindo as baixas e ausencias ou mesmo negándose a dar o material necesario para a realización do servizo de limpeza. Sobre esta última cuestión, Del Río denunciou que a adxudicataria mesmo ataca a dignidade do persoal deixando entrever que son as traballadoras/es os/as culpábeis desta falta.
O Sergas ten que deixar de ser cómplice da empresa e da eliminación e precarización do emprego"
"A todos os efectos, e así o recolle o prego de condicións, estamos equiparados ao Grupo E do Sergas, pero esta empresa colle o que lle convén da equiparación para aplicarnos os recortes e darnos látego e temos que pelexar duramente para recuperar cada un dos nosos dereitos", censura Del Río.
O representante dos traballadores e traballadoras criticou a actitude do Sergas, "que sabe perfectamente desta situación pero lávase as mans". Por iso, dende a CIG-Servizos reclaman da administración sanitaria, como titular da contrata, que "deixe de ser cómplice da empresa e deixe de precarizar e eliminar postos de traballo, xa que é o Sergas quen decide reducir o persoal necesario para o servizo "pero non así os cartos que se van para a empresa".