"Na limpeza do Hospital Arquitecto Marcide, Ferrovial reprime e o Sergas consinte"
Traballadoras e traballadores de Ferrovial (empresa encargada do servizo de limpeza do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, CHUF) retomaron este xoves as mobilizacións para esixir á compañía que cese as represalias e para demandar a recuperación dos postos de traballo e "os dereitos que nos roubaron".
A destrución de emprego e a precarización das condicións laborais veñen sendo dúas constantes nos últimos anos no servizo de limpeza do CHUF, a pesar de que o SERGAS incrementou o prezo do servizo a niveis pre-crise, para limpar os mesmos metros cadrados, pero contando con 20 traballadores/as menos. A este respecto, a CIG-Servizos e o comité calculan que, mentres recorta dereitos e persoal, a empresa vai tirar un millón de euros de beneficio neste contrato.
O persoal da limpeza, ademais, leva cos salarios practicamente conxelados dende o ano 2012. E por se non fora abondo, a empresa aplica unha política de represión laboral, castigando as traballadoras e traballadores que caen de baixa médica con cambios de postos, mudándolle os horarios, ou aproveitándose da bolsa de horas para envialos a facer os traballos máis penosos.
Dende o comité denuncian que nos últimos anos empresa aplicou recortes laborais e salariais, "facendo seu o roubo das pagas extraordinarias" que a administración impuxo ao seu persoal, non cubrindo as baixas e ausencias ou mesmo negándose a dar o material necesario para a realización do servizo de limpeza.
Responsabilidade do Sergas
Para enfrontar esta situación, as traballadoras/es veñen realizando mobilizacións periódicas na entrada do hospital, sen que até agora se teñan producido avances significativos. Neste senso, o Comité acusa ao Sergas de facilitar a empresa aplicar todo tipo de recortes pois, "se antes da crise os pregos estabelecían que eran necesarios un mínimo de 120 traballadores/as para facer o servizo, neste último, rebaixa a dotación de persoal a 100 persoas, a pesar de que a superficie a limpar segue a ser a mesma".
Desde a Federación de Servizos da CIG de Ferrol, reiteran que non van consentir este tipo de comportamento ás empresas, "e que non imos deixar ningunha agresión aos dereitos laborais dos compañeiros e compañeiras, sen resposta".