Multa de 30.000 euros a Transegre tras xogar suxo nas eleccións sindicais

Inspección de Traballo impón un serio correctivo á empresa que despediu os dous candidatos da CIG
Pontevedra - 08 Nov 2016

A CIG recibe con satisfacción o anuncio da primeira das sancións á empresa de transporte Transegre, do grupo Avícola de Galicia, que o agosto pasado dificultou o libre desenvolvemento das eleccións sindicais, despedindo nos días previos a dous candidatos da central promotora e impedindo o acceso de representantes sindicais na xornada de votacións, entre outras irregularidades.

Inspección de Traballo impón unha sanción da 30.000 euros a Transegre -unha das maiores dos últimos vinte anos na comarca de Pontevedra- por “transgredir os deberes materiais de colaboración que impoñen ao empresario as normas reguladoras dos procesos eleitorais a representantes dos traballadores no  

Inspección considera o comportamento de Transegre como "moi grave"

 proceso iniciado o 22 de de xullo e finalizado o 22 de agosto”. O organismo, ademais, cualifica a infracción como “moi grave”, demostrándose a “intencionalidade da empresa ao quedar acreditado que impediu o acceso ao centro de traballo aos promotores o día da constitución da mesa e votación”.

Esta sanción chega tras o Laudo Arbitral no que o mediador José María Casas de Ron constata a falla de limpeza do proceso e obriga á repetición das eleccións con todas as garantías, algo que polo momento aínda non tivo lugar.

Esixencia de readmisións

Para Xabier Aboi, da FGAMT, e Marcos Conde, secretario comarcal da CIG-Pontevedra, que compareceron en rolda de prensa para dar conta das novidades do caso, está é só a primeira das sancións que deberían recaer en Transegre ante a suma gravidade dos feitos denunciados.

Aínda resta, de feito, o xuízo polos despedimentos dos dous candidatos da central nacionalista, que terá lugar o vindeiro día 17. Ceses fulminantes que se produciron tres días despois de se convocaren as eleccións, dando lugar a unha intensa campaña en prol da readmisión.  

"Alguén podería rematar en prisión” en base á tipificación dos feitos denunciados

 Durante o proceso de eleccións, o xerente interrogou un por un os traballadores para preguntarlles a súa filiación sindical e coaccionou o persoal argumentando que “non querían sindicatos en Transegre”. O propio día das votacións -das que non foi avisado todo o cadro- a seguridade privada impediu o acceso ás instalacións a Xabier Aboi e Marcos Conde, tendo lugar no interior un “simulacro” no que resultou eleito un dos cargos da empresa.

Os sindicalistas, pendentes tamén da resolución da denuncia penal presentada o 22 de agosto, reclaman axilidade á xustiza, ademais de cuestionar unha actitude por parte da dirección da empresa que “está a supor o colapso do seu normal funcionamento”. Afirmaron, ademais, que “alguén podería rematar en prisión” en base á tipificación dos feitos denunciados

.