Mulleres da CSPLP debaten sobre as desigualdades e a loita feminista no mundo do traballo
Baixo o título "Implementación da igualdade a través da negociación colectiva e no contexto global" celebrouse este venres en Santiago de Compostela un Seminario Internacional organizado pola CIG no que participaron mulleres sindicalistas de Galiza, Portugal, Brasil, Angola, Cabo Verde, Mozambique, S. Tomé e Príncipe, Guiné Bissau e Timor Leste. Nesta convención abordáronse as desigualdades de xénero desde a perspectiva sindical internacional e a situación laboral das mulleres nos diversos países da lusofonía.
Este Seminario Internacional enmárcase no Encontro do Secretariado de Mulleres da Confederação Sindical dos Países de Língua Portuguesa (CSPLP) que terá lugar este sábado, 28 de setembro. Esta será a primeira xuntanza do Secretariado, e será a primeira vez se reúne en Galiza coa CIG como anfitrioa. Aproveitando a presenza das compañeiras de tan variados lugares, a CIG decidiu organizar este evento formativo que constou de varias palestras e mesas de debate.
A xornada, transcorrida no edificio Cersia, foi presentada polo responsábel de Relacións Internacionais da CIG, Xosé Lois Rivera, e arrincou co saúdo do secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen puxo en valor que a CIG é a única organización sindical dunha nación sen estado presente na CSPLP e o recoñecemento e orgullo que supón ter a condición de anfitrioa dun encontro deste nivel que, por primeira vez, se celebra nunha nación sen estado. Nesta liña fixo un breve repaso pola historia da nosa nación “para contextualizar o territorio onde se realiza este seminario e onde naceu o galego- portugués”.
Implantación dos plans de igualdade
A seguir, a secretaria confederal de Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, fixo unha radiografía do mundo laboral das mulleres, que continúan a ocupar de xeito maioritario os traballos máis precarios, a sufrir fenda salarial, e a ter o maior número de contratos a tempo parcial e eventual. Ademais son as traballadoras as que continúan asumindo de xeito principal as tarefas de coidado, en detrimento das súas carreiras laborais.
Castro expuxo as propostas da CIG para loitar contra as desigualdades e a violencia machista nos centros de traballo e avaliou o proceso implementación dos plans de igualdade na negociación colectiva. Denunciou que moitas empresas asumen a negociación destes plans como un simple trámite ao que están obrigadas por lei, cando son unha ferramenta para detectar e corrixir as desigualdades e discriminacións que persisten nos centros de traballo. Concluíu a súa exposición cun chamado a concienciarnos de que “a loita polos dereitos das mulleres traballadoras ten que estar en primeira liña, como a defensa de calquera outro dereito que afecte ao conxunto da clase traballadora”.
Abriuse a seguir un debate no que todas as intervintes coincidiron na persistencia de desigualdades en todos os ámbitos e na necesidade das mulleres loitar conxuntamente pola defensa do seus dereitos.
A historia distintiva das mulleres galegas
A sociolingüista, escritora e profesora da UdC, María do Pilar García Negro, foi a seguinte en tomar a palabra cunha palestra na que abordou os trazos distintivos da historia das mulleres galegas, “que chega aos nosos días”. A recoñecida feminista lanzou unha advertencia ao inicio da súa palestra: “non imos consentir que se nos concedan dereitos a condición de non exercelos”.
Chamou a atención sobre o feito de historiadores e escritores dende o mundo clásico até agora se referiren ás mulleres galegas. Nestes documentos percíbese a intervención directa da muller non só no ámbito doméstico, senón na economía e as artes como danza, música e poesía. Este aspecto, apuntou, inflúe para que a Ilustración galega repare, dende o punto de vista filosófico, na necesidade de rehabilitar na capacidade racional e na intervención pública das mulleres.
García Negro repasou a evolución da percepción da muller entre a intelectualidade como suxeito de dereitos, as condicións de subordinación que tivo e ten que aturar, e a presencia feminina nos diferentes espazos do ámbito público, primordialmente masculinos. Destacando o papel central dunha muller como Rosalía de Castro, como escritora e como feminista dunha "modernidade absoluta".
Violencia contra as traballadoras do mar
A sesión da tarde comezou cunha conferencia arredor da violencia sexual e de xénero contra as traballadoras do mar, a cargo de Carmen Montero Ferrer, profesora axudante doutora da Área de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da Faculdade de Dereito da USC. Montero Ferrer sinalou que en moitos países continúa a estar prohibido que as mulleres se ocupen nos traballos do mar e que segundo os últimos datos, só un 2% do traballo marítimo a nivel mundial está desempeñado por mulleres, a maioría destinadas nos cruceiros, onde supoñen o 30% dos cadros de persoal e ocupan os postos peor pagados.
Indicou que ao igual que no resto dos centros de traballo, as mulleres que traballan no mar tamén sofren acoso sexual e laboral, con situacións de maior risco pola diferente percepción do acoso que existe nos países polos que transitan. De feito, apuntou que só 45 Estados ratificaron o convenio 190 da OIT sobre a eliminación da violencia e acoso no mundo do traballo.
Aínda que non estaba previsto, polo interese suscitado, a profesora Montero tamén falou sobre os crimes internacionais de violencia sexual e a impunidade e os mecanismos de xustiza transicional e a súa aplicación en África, tema da súa tese de doutoramento. Unha temática que suscitou un interesente debate entre as asistentes.
Os plans de Igualdade en Portugal e Brasil
Andrea Araujo, da Comissão de Igualdade entre mulheres e homens da CGTP, e Amanda Corcino, responsábel da Mulher da CUT do Brasil, trataron o estado dos Plans de igualdade para as mulleres no traballo nos seus respectivos países. Ambas puxeron en valor a loita das mulleres dos seus países para reclamar modificacións lexislativas e avanzar na igualdade real, e explicaron o contido da normativa acadada nos últimos anos.
As dúas responsábeis sindicais denunciaron os baixos salarios e a maior precariedade que seguen a padecer as mulleres, as situacións de acoso e violencia, as dificultades no acceso e permanencia aos postos de traballo, xa que seguen a ser as mulleres quen principalmente asume as tarefas de coidados, e pularon pola necesidade de fomentar a participación das traballadoras no movemento sindical, nos órganos de dirección sindical e nas mesas de negociación colectiva, pois esta é ferramenta fundamental para conseguir un avance real nos dereitos.
A situación laboral das mulleres nos países da CSPLP
Na última mesa redonda da tarde analizouse a situación laboral das mulleres nos países da CSPLP e na mesma interviñeron Joaquina Almeida -da UNTC-CS de Cabo Verde e membro do Consello de Administración da OIT-, Clara Munguambe, -da OTM de Moçambique e ademais presidenta do Secretariado das Mulleres da CSPLP-, Cristina Trony -da UGT de Portugal-, María Edna Ferreira de Medeiros -da UGT do Brasil-, e Eduarda Miranda Branco -da KSTL de Timor Leste-.
As ponentes advertiron da pervivencia de sociedades patriarcais, das dificultades ás que se enfrontan as mulleres dos seus países para acceder a un emprego digno e para conciliar o acceso a un traballo retribuído coas tarefas de coidados, que en moitas ocasións recaen en exclusiva sobre elas, ou das situacións de violencia que padecen.
Denunciaron que unha porcentaxe elevada das mulleres está condenada a realizar traballos informais, con baixos salarios e condicións precarias, unha persistente fenda salarial, malia seren elas o sustento das súas familias en non poucos casos. Criticaron que, a pesar de existir lexislación que protexe os dereitos das mulleres, en numerosas ocasións esta na práctica non se aplica.
A compañeiras expuxeron os principais retos e as medidas que cómpre atinxir para reverter esta realidade e chamaron a afondar na loita feminista para garantir avances reais, a participación plena das mulleres en todos os ámbitos e rematar coas discriminacións e a violencia, especialmente na súa manifestación máis radical, o feminicidio. Neste punto, reiteraron a urxencia dunha maior presenza e participación activa das mulleres no movemento sindical, para visibilizarse e ser as mulleres quen se representen a si propias.
Non obstante todo o traballo que queda por facer, non esqueceron os pasos dados nos últimos anos para rachar con estas situacións e o papel fundamental da loita das mulleres e do sindicalismo feminista de clase no confronto do capitalismo e o patriarcado.
As conclusións e peche do seminario correron a cargo da secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, como central organizadora deste acto.
Encontro do Secretario o sábado en Compostela
Na xornada deste sábado celebrarase o Encontro do Secretariado das Mulleres no que se reunirán 21 representantes dos sindicatos que compoñen a CSPLP. Así se acordara no IX Congreso da CSPLP que en agosto do pasado ano se realizou na cidade de Praia en Cabo Verde.
Nesta xornada de traballo poñeranse en común as actividades a desenvolver no inmediato e avaliaranse as problemáticas que neste momento urxen unha acción común.