Mulleres da CIG claman contra a desprotección dunha traballadora do Concello das Neves que padeceu acoso sexual no seu posto

A central denuncia a falta de actuación municipal, até o punto de que o responsábel do acoso continúa no seu traballo sen medidas disciplinarias
As Neves - 20 Nov 2026

A Secretaría das Mulleres da CIG desenvolveu hoxe ao mediodía unha mobilización diante do Concello das Neves para denunciar a desprotección dunha traballadora que foi contratada a través dun programa de emprego para vítimas de violencia de xénero e que posteriormente padeceu acoso sexual no seu posto.

A concentración, convocada no marco da campaña da central sindical con motivo do 25 de Novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, serviu tamén para trasladarlle todo o apoio e solidariedade á afectada e para esixir responsabilidades tanto ao autor dos feitos como ao alcalde e xefe de persoal, José Manuel Alfonso, pola súa actuación como responsábel da entidade empregadora. “Se tocan a unha, respondemos todas” ou “Fóra machistas das institucións”, foron algunhas das consignas que se berraron durante a protesta.

Dende a CIG explican que a afectada incorporouse ao Concello a través dun programa de emprego destinado a vítimas de violencia de xénero. A Administración municipal coñecía esta circunstancia e tiña, polo tanto, a obriga de garantir a súa protección e unhas condicións de traballo libres de violencia.

Porén, a Inspección de Traballo, tras unha denuncia presentada pola central, acreditou que a empregada sufriu acoso sexual no seu posto de traballo e constatou graves incumprimentos das obrigas preventivas por parte do Concello. Entre eles, sinala que a xefatura de persoal minimizou os riscos, que a traballadora non recibiu formación nin información preventiva e que non existía un protocolo fronte ao acoso cando sucederon os feitos. Ademais, a investigación municipal foi encomendada a unha comisión sen formación específica en igualdade e violencia contra as mulleres.

No marco desta investigación, a a afectada denunciara comentarios de carácter sexual, o visionado de vídeos pornográficos no centro de traballo e un tocamento sen consentimento. A comisión municipal deu por acreditado este último feito e apreciou indicios do visionado dos vídeos en presenza da empregada, aínda que non chegou a cualificar os comportamentos como acoso sexual.

A Inspección tamén considera que a condición de vítima de violencia machista, coñecida polo Concello, debía activar as medidas de protección previstas no artigo 25 da Lei de prevención de riscos laborais para as persoas especialmente sensíbeis. Isto obrigaba a realizar unha avaliación específica dos riscos e adaptar a organización e as condicións de traballo, prestando especial atención aos riscos psicosociais. A resolución recolle propostas de sanción polos incumprimentos detectados.

O agresor no seu posto e a traballadora de baixa

A pesar da gravidade dos feitos, o traballador sinalado continúa ocupando o seu posto sen que se lle aplicase ningunha medida disciplinaria. O Concello encomendoulle á Deputación de Pontevedra a tramitación do expediente, que decidiu suspendelo á espera de que se resolva a causa penal. Mentres tanto, a traballadora permanece de baixa e sen que se adoptasen medidas que permitan reparar a situación de desprotección denunciada.

Desde a CIG tamén lembran que, antes de acudir ao sindicato, a compañeira presentara queixas no Centro de Información á Muller de Ponteareas. Segundo trasladou a afectada, non recibiu resposta nin información sobre as posibles actuacións realizadas. “Cando unha muller pide axuda e as institucións que teñen a obriga de protexela non lle ofrecen unha resposta eficaz, estamos ante un fallo do sistema de protección que tamén debe ser denunciado como violencia institucional”.

Por iso reclama que empresas e administracións garantan a protección das traballadoras vítimas de violencia de xénero mediante avaliacións específicas dos riscos, adaptación das condicións de traballo, formación preventiva e unha vixilancia da saúde axeitada. Esixe tamén confidencialidade, protocolos fronte ao acoso coñecidos por todo o persoal, persoas con formación específica para atender as denuncias e medidas inmediatas para evitar a exposición ao acoso e as represalias.

O acontecido no Concello das Neves -advirte a central sindical- non é un caso illado. Especial preocupación merece o sector dos coidados, no que numerosas mulleres se incorporaron durante anos ao mercado laboral mediante programas de inserción destinados a vítimas de violencia de xénero e onde aínda non se están garantindo, en moitos casos, as condicións mínimas de protección.

De xeito que considera urxente revisar as condicións destes empregos e esixirlles ás administracións responsables dos programas que comproben o cumprimento das obrigas en materia de prevención de riscos laborais. “A condición de vítima de violencia de xénero debe activar necesariamente as medidas de protección previstas na lexislación preventiva e que esta realidade debe terse en conta tanto na avaliación dos riscos como na organización do traballo, especialmente no relativo aos riscos psicosociais”.

Finalmente, urxe a depurar responsabilidades, a garantir a protección efectiva para a traballadora afectada e a adoptar medidas urxentes para que situacións como esta non volvan producirse. “Neste Concello, en todos os concellos e en todas as empresas”.