Moskowich: "Descoñecemos que vai pasar coa fábrica de aluminio da Coruña dentro de tres días"
Dende que en xullo do ano pasado, Alcoa confirmara a venda da fábrica de aluminio da Coruña ao fondo suízo Parter Capital, a situación da factoría está en permanente incerteza, sen un proxecto viábel para retomar a produción das cubas de electrólise, coa escusa, por parte da nova propiedade, de non ter un prezo da enerxía 'competitivo'. Agora, o futuro da planta dá unha nova volta coa venda ao dubidoso Grupo Industrial Riesgo, con Alcoa dando por finalizado o compromiso de investimento na fábrica e co Goberno español (avalista de todo este proceso) agochado nun completo mutismo.
"Non sabemos que vai pasar coa fábrica ni cos postos de traballo dentro de catro días. Demandamos do Goberno español que interveña de inmediato e tome as medidas necesarias para evitar a caída definitiva da fábrica de aluminio da Coruña e a Alcoa pedímoslle que manteña os investimentos comprometidos no acordo de venda con Parter", explica Julio Moskowich, delegado da CIG en Alcoa.
Con esta reivindicación, os traballadores e as traballadoras volverán saír ás rúas o próximo xoves, 28 de maio, na defensa dos seus empregos e polo futuro da actividade industrial. Nesta ocasión, por mor das restricións derivadas do estado de alarma, a mobilización consistirá nunha caravana de vehículos na Coruña dende a Delegación do Goberno até a Subdelegación, que arrancará ás 11:30 horas da porta da factoría no Polígono da Agrela.
Responsabilidade do Ministerio de Industria
A data elixida coincide co día no que, segundo ás informacións trasladadas ao persoal, o notario decidirá se Parter Capital está cumprindo co acordo de venda asinado con Alcoa e polo tanto, se a multinacional continúa pagando as cantidades acordadas co fondo suízo que mercou as plantas da Coruña e Avilés en xullo do ano pasado. "Se Alcoa non paga non sabemos que vai pasar, porque descoñecemos se a nova propiedade ten capacidade para afrontar os custes de mantemento das fábricas", sinala.
Por iso, dende a representación social reclámase do Goberno español e da Xunta a convocatoria urxente da mesa de seguimento para abordar a crítica situación das dúas plantas. A este respecto, Moskowich insiste en que o Ministerio de Industria "non pode quedar de perfil, cando propiciou o acordo do ERE (que a CIG non asinou) e cando fixo unha función de tutela e avalista da operación de venda. Agora non pode desentenderse, ten que asumir responsabilidades e tomar medidas".
Informacións alarmantes sobre o novo grupo propietario
Máxime, engade, cando o propietario de Grupo Industrial Riesgo ten unha dubidosa traxectoria -que inclúen investigacións por estafas-, e cando nas escasas semanas que leva á fronte das factorías (o persoal tivo coñecemento o 14 de abril de que adquirira o 74,9% das participacións de Parter) "xa mudou varias veces o presunto plan industrial para reactivar a produción e na Coruña dinos unha cousa e en Avilés di outra distinta".
Por se a operación con Grupo Industrial Riesgo ofrecía pouca fiabilidade, a chantaxe "de manual" á que o grupo quixo someter o comité disipou todas as dúbidas. "Riesgo pretendía que o comité saíra apoiando publicamente a compra porque do contrario non levaría a cabo as inversións prometidas, pero se o comité mostraba o seu apoio comprometíase a pagar as próximas dúas nóminas. Pero que clase de empresarios son estes?", cuestiona o delegado da CIG, quen apunta que "toda a información que nos chega deste grupo é alarmante".
Como mínimo, apunta Moskowich, o Ministerio terá que investigar a solvencia deste grupo empresarial e instar a Alcoa para que execute os compromisos de investimento nas fábricas. "Dicir que Parter incumpriu o acordo de venda parece a escusa perfecta para que Alcoa non se faga cargo das plantas", asevera.
Neste senso, critica tamén que Parter en todos os meses transcorridos dende a adquisición non dera ningún paso para a execución do plan industrial e do plan de investimentos anunciado e que o goberno español continúe sen aprobar un novo marco regulador da enerxía que sente as bases para unha tarifa industrial máis xusta, estábel e competitiva.
Diante desta absoluta incerteza e con este máis que cuestionábel grupo empresarial á fronte das plantas, os traballadores e as traballadoras de Alcoa da Coruña teñen que volver ás rúas para defender os seus empregos e un plan industrial viábel que permita retomar a actividade produtiva.