COMITÉ DE HONRA
Desde a Fundación Moncho Reboiras, a Fundación Terra e Tempo e a Fundación Galiza Sempre damos lugar a un Comité Organizador para conmemorar o 50 aniversario do asasinato do militante nacionalista Xosé Ramón, “Moncho”, Reboiras Noia. Un nacionalista exemplar, que desenvolveu o seu labor militante ao longo do tardofranquismo, entre 1969 e 1975.
Ao longo do ano 2025 realizaremos diversas actividades para lembrar a figura de Xosé Ramón, “Moncho”, Reboiras. A tal efecto queremos que esta iniciativa sexa unha homenaxe a todas e todos os militantes nacionalistas que tiveron unha entrega absoluta, no mesmo tempo de Reboiras, en favor do país. Como representantes desa militancia sen tregua, creamos un Comité de Honra 50 aniversario do asasinato de Reboiras, con persoas que tiveron unha estreita relación con esta figura central no nacionalismo galego da década dos anos 70 do pasado século XX.
As persoas que integran este Comité de Honra son as seguintes:
1.- Elvira Souto Presedo
Militante nacionalista desde inicios da década dos anos 70. Integrante da Fronte Obreira da UPG e cofundadora do Sindicato Obreiro Galego (SOG) en 1975. Primeira Secretaria Xeral da UPG, eleita en 1977.
2.- Lois Ríos Paredes
Militante desde inicios dos anos 70 do nacionalismo galego. Membro da Fronte Obreira da UPG e cofundador do Sindicato Obreiro Galego (SOG) en 1975, sendo en 1982 eleito secretario xeral da Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG).
3.- Manuel Mera Sánchez
Foi secretario da Irmandade Galega en Bos Aires entre 1969 e 1972. Militante da UPG na Galiza desde 1972. Participou da fundación de Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA) e da Fronte Obreira da UPG, así como do Sindicato Obreiro Galego (SOG) en 1975.
4.- Fernando Souto Ginarte
Militante nacionalista desde inicios dos anos 70, sendo membro da Fronte Obreira da UPG.
5.- Xesús Chaves Fandiño
Militante de CC.OO en 1966. Cofundador de Organización Obreira en 1971 e coorganizador das mobilizacións obreiras de Vigo de setembro de 1972. Formou parte entre 1974 e 1975 da organización do Sindicato Obreiro Galego. No 1976 integrouse na UPG e na AN-PG.
6.- Marisol García Juárez
Militante da UPG desde mediados dos 70, sendo activista estudantil daquelas. Foi detida e conducida ao cárcere da Coruña en agosto de 1975, sendo menor de idade.
7.- Xaquín Méndez Antas
Militante da UPG desde inicios dos anos 70. Tivo participación no proceso de constitución da Unión de Traballadores de Ensino de Galiza, así como da organización estudantil ERGA. Ocupou diferentes responsabilidades políticas no nacionalismo galego e actualmente é membro do comité central da UPG.
8.- Xosé Moa Cerdeira
Militante da UPG desde 1973, facendo parte do comité central e do comité executivo. Estivo no exilio en Portugal desde agosto de 1975. Logo foi presidente da Asociación Cultural de Vigo.
9.- Xosé Manuel Pavón
Militante da UPG desde 1966, da que sería membro do seu Comité Central. Foi un dos impulsores do sindicalismo nacionalista galego, sendo cofundador do Sindicato Obreiro Galego.
10.- Lois Diéguez Vázquez
Militante nacionalista desde mediados dos anos 60. Foi cofundador en 1975 e portavoz da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG), ano no que é detido en Lugo no mes de agosto. Foi eleito deputado polo Bloque Nacional-Popular Galego (BN-PG) no 1981, sendo expulso do Parlamento Galego por non xurar a Constitución española.
11.- Xesús Sanxoás Formoso
Militante nacionalista desde a segunda metade dos anos 60. No 1968 encabezou a organización do estudantado nacionalista na Universidade de Santiago de Compostela, previa á creación de Estudantes Revolucionario Galegos (ERGA).
12.- Margarita Ledo Andión
Militante nacionalista desde inicios dos anos 70. Tivo que exiliarse en 1974 pola súa militancia. Directora de A Nosa Terra entre 1977 e 1980.
13.- Francisco Lores Santacecilia
Militante de Galicia Socialista na segunda metade dos anos 60. Coorganizador das mobilizacións obreiras de Vigo de 1972. Militante da UPG desde 1972, na que sería cofundador da Fronte Obreira.
14.- Marisa Vázquez Barquero
Militante da UPG desde inicios dos anos 70. Participou do traballo político de Moncho Reboiras entre 1973 e 1975, sendo detida o 13 de agosto de 1975, ingresando no cárcere da Coruña o 15 de agosto, até a amnistía de 1977.
15.- Alfredo Suárez Canal
Militante nacionalista desde inicios dos anos 70. Cofundador da Unión de Traballadores do Ensino (UTEG) en 1974, así como en 1975 do Sindicato Obreiro Galego (SOG) e da Intersindical Nacional Galega (ING) en 1977. Anos despois sería concelleiro e deputado nacionalista.
16.- Marisa Canto Reboredo
Militante da UPG desde 1973. Responsábel do aparato técnico da zona de Lugo entre 1974 e 1975.
17.- Xosé Lois Ledo Andión
Militante da UPG desde 1972. Membro fundador da AN-PG na primavera de 1975. Membro do Comité Central da UPG e do Comité Executivo, sendo responsábel da UPG nas Comités de Axuda á Loita Labrega até 1980.
18.- Francisco Rodríguez Sánchez
Militante da UPG desde 1969, sendo membro do Comité Central e do Comité Executivo, así como Secretario Xeral entre 1981 e 1983 (así como entre 2005 e 2012). Cofundador en 1975 da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) e do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no 1982. Eleito deputado no Parlamento galego no 1993, así como no Parlamento español entre 1996 e 2008.
19.- Xosé Luís Méndez Ferrín
En 1958 foi cofundador en Madrid da agrupación nacionalista Brais Pinto. Cofundador e militante da UPG en 1964, sendo membro do Comité Central e do seu Comité Executivo. En 1977 encabeza a escisión UPG-Liña Proletaria no seu da UPG e no 1978 encabeza a creación do Partido Galego do Proletariado (PGP).
20.- Xaquín López Facal
Entre finais dos anos 60 e inicios dos 70 foi militante da organización obreira Galicia Socialista. Militante da UPG desde inicios 1972, participando da creación da Fronte Obreira.
Compostela, 22 de novembro de 2024