Só se pode entender o papel na Galiza actual do movemento nacional-popular galego (MN-PG), como consecuencia das folgas e mobilizacións obreiras, estudantís e labregas, da combativa acción política e no ámbito das ideas, así como polo activismo das persoas que facían deste país a súa patria
Como consecuencia da represión desapiadada da ditadura franquista era asasinado pola policía, o 12 de agosto o de 1975 o dirixente da Unión do Povo Galego (UPG) Ramón (Moncho) Reboiras Noia, na rúa da Terra na cidade de Ferrol. Todo aconteceu a poucos pasos da praza de Armas, cando Reboiras, obreiro, enxeñeiro técnico, morría tiroteado pola policía. Tiña só 25 anos. Relataba posteriormente un veciño a un xornal: “escoitei tres descargas de metralladora sobre as tres menos cuarto da mañá... dúas horas despois (a policía) guindou unha bomba de gases lacrimóxenos, utilizaron o megáfono para que se rendera... ouviuse un disparo illado e a continuación rematou todo”. Este tráxico feito “coincidía” co despedimento o día nove de 1.250 operarios das auxiliares en As Pontes, por mor dun conflito laboral.
Moncho Reboiras naceu en Imo, concello de Dodro, e criouse en Vigo, no barrio de Teis. Desde moi mozo bebeu nas ideas de esquerda e galeguistas, nun primeiro intre ligado ao grupo alentado polo Padre Seixas e despois á Asociación Cultural de Vigo. Axiña ligouse á UPG. Durante a folga de 1972 participou no conflito activamente. Un dirixente de Organización Obreira (OO), o «Dentes de Barreras», lembra que foi el quen lles facilitou un aparello de impresión. OO xurdira en Vigo dunha escisión de CCOO como consecuencia da ruptura co Partido Comunista dun forte grupo das Xuventudes Comunistas, entre eles Felipe (Anxo García Méndez), que sería unha des referencias do Sindicato Obreiro Galego en Vigo.
Moncho foi unha figura clave no nacemento do sindicalismo nacionalista, tanto na construción da Fronte Obreira da Unión do Povo Galego, nacida na primavera de 1973, como nos xermolos sindicais que deron corpo ao Sindicato Obreiro Galego en maio de 1975. Co remate da longa noite de pedra do franquismo o SOG e outros sindicatos de sector constituirían a ING, novas integracións deron vida á INTG. Logo viría a ruptura da CXTG en 1985 e en 1994 a unificación na CIG.
A Reboiras coñecino cando voltou da «mili», ao pouco de chegar eu da Arxentina (a finais de 1972). Era unha persoa agradábel, de conviccións firmes, que traballaba arreo pola liberación nacional e social de Galiza, e que non exixía nada aos demais que el non estivera disposto facer. Vivín con Moncho un tempo, xunto con «Manolo de Remesar», na Coruña (nunha casoupa a un cento de metros por detrás da cadea). Reboiras tiña un seiscentos cos que facía moitos quilómetros todas as semanas para contactar con persoas en Viveiro, en Lira, preto de Caldas de Reis...
Moncho Reboiras era unha persoa sensíbel, rexo e íntegro, cheo de ilusións persoais sentidas dende unha perspectiva colectiva e solidaria. Tiña unha fasquía que daba confianza, falaba con acougo, cunha seriedade que deixaba saír as veces un sorriso nos beizos. Loitaba por unha Galiza dona de seu, con xustiza social, co remate da emigración que estragaba o país, coa dignificación da cultura nacional e a normalización lingüística, coa presenza directa dos máis marxinados nas estruturas do poder político. Consideraba esencial a participación do pobo. Era enxeñeiro técnico electricista. Pasou os seus anos mozos no barrio de Teis en Vigo, aínda ca súa familia era de Imo no concello de Dodro. En 1973 trasladouse a Coruña
Só se pode entender o papel na Galiza actual do movemento nacional-popular galego (MN-PG), como consecuencia das folgas e mobilizacións obreiras, estudantís e labregas, da combativa acción política e no ámbito das ideas, así como polo activismo das persoas que facían deste país a súa patria, unha Terra que medrase apreciando a súa historia e cultura, dende a solidariedade, tendo ao ser humano como cerna da análise e o obxectivo. Moncho Reboiras foi unha desas persoas que o deron todo por Galiza, ate a súa propia vida, sen pedir ren en troque. É un exemplo a seguir no nacionalismo galego, xa que representa o mellor da mocidade que loitou contra a ditadura, pola democracia, pola república, por unha Galiza soberana, con xustiza social, solidaria, e de igualdade.
[Galiza, 14 de agosto de 2026]