Monbús négase a regularizar a xornada das traballadoras do servizo de acompañamento escolar de Guitiriz e Baamonde
A FGAMT-CIG denuncia o total abandono das traballadoras do servizo de acompañantes escolares da empresa XG833 Gomez de Castro SA, Luber SL e Autocares Carreira, do grupo Monbús, que realizan o servizo de transporte escolar para o colexio de Guitiriz e Baamonde , así como para o instituto de Guitiriz.
Este servizo para os colexios de Guitiriz e Baamonde era prestado anteriormente pola empresa Autos Muíños, mais co cambio de concesión, dende xaneiro de 2021, o servizo inclúe unha maior xornada de traballo, xa que tamén se incorporou o servizo de acompañamento ao instituto Poeta Díaz Castro de Guitiriz.
A actual concesionaria, Monbús, lonxe de asumir o servizo e regularizar a xornada que realmente presta este persoal e dotalo dos EPI correspondente, "fíxolles unha proposta a parte das traballadoras afectadas para que asinaran contratos que non recollen a xornada de traballo efectiva, e tampouco se lles garante a formación e a dotación de equipos de protección adecuados", denuncia Christian López Carmona, secretario da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña.
A realidade, engade, "é que a empresa non garante o rexistro horario ao persoal e non lles facilita nin máscaras, nin luvas, e nin sequera os chalecos de alta visibilidade que son preceptivos no desenvolvemento desta actividade nas vías de circulación".
Para López Carmona resulta "lamentábel" que as concesionarias e a Xunta, principal responsábel de que as empresas cumpran coa prestación dos servizos axeitadamente, non teñan prestado atención a unha situación "que se está a prolongar dende comezos de ano durante todo o 2º e o 3º trimestre do curso escolar, e cando levamos un ano en plena pandemia da Covid-19. É incríbel que nin a Xunta nin Monbús garantan a protección necesaria tanto ao persoal como ás usuarias e usuarios".
A CIG fai un chamamento a todos as administracións implicadas (Xunta, Inspección de Traballo e Concellos) para que tomen cartas no asunto, se garantan os dereitos laborais e a seguridade das persoas traballadoras e usuarias. Neste senso, subliña que "non é casualidade que este persoal, maioritariamente mulleres, estean totalmente deixadas da protección contra a precariedade. Isto claramente supón unha discriminación e reforza a sensación de que estas compañeiras, polo mero feito de ser mulleres, non teñen a mesma protección que o resto do persoal do transporte".