Profesorado da escola infantil do colexio Santiago Apóstol de Soutomaior mobilizouse hoxe ás portas do centro educativo no horario de entrada do alumnado para reclamar a recuperación dun complemento salarial de hai dúas décadas que a dirección eliminou o ano pasado.
A CIG-Ensino optou por convocar a concentración unha vez fracasaron as negociacións co centro educativo privado concertado, que é xestionado como unha cooperativa de ensino, co obxectivo de visibilizar a problemática laboral e de informar a toda a comunidade educativa das reivindicacións do cadro de persoal.
Segundo explican dende a central sindical, a cooperativa que xestiona o Santiago Apóstol estableceu hai 20 anos 150 euros de complemento salarial, que entre 2008 e 2018 abonouse mediante transferencia co concepto “complemento gardería”; entre 2018 e maio de 2021 foi en metálico; e a partir de xuño do 2021 recolleuse nas nóminas como “gratificación voluntaria”.
Mais en setembro do ano pasado prodúcese unha suba nas táboas salariais do convenio, o que provoca unha redución do plus do mesmo importe que a suba. “Hai que ter en conta que no ano 2020 tamén houbo un incremento de soldos no convenio, pero daquela non afectou ao complemento”, sinalan. Neste senso, lembran que existe xurisprudencia que establece que este tipo de complementos non son absorbíbeis.
Con todo, a CIG-Ensino intentou negociar coa empresa, iniciando contactos no mes de setembro co obxectivo de lograr a recuperación desta cantidade. Ademais, a semana pasada, a instancias da delegada do persoal, celebrouse unha reunión á que estaban convocadas a totalidade das persoas cooperativistas. “Neste encontro o centro pechou calquera posibilidade de negociación pola súa parte”, lamentan. En consecuencia, a central sindical optou por convocar unha mobilización para demandar a restitución do complemento salarial que lle foi eliminado de xeito unilateral ao persoal da escola infantil.