Mobilízanse para denunciar deficiencias no servizo de cociña dos hospitais vigueses

O persoal de Eurest, a empresa concesionaria, alerta sobre os problemas no sistema de lavado de louza e da escaseza de materiais primas
Vigo - 08 Abr 2025

O cadro de persoal de Eurest, concesionaria da cociña dos hospitais Meixoeiro, Álvaro Cunqueiro e Nicolás Peña de Vigo, comezou hoxe un calendario de mobilizacións para denunciar as deficiencias existentes no servizo, como os sistemas de lavado de louza obsoletos e a escaseza de materias primas. As protestas continuarán este xoves día 10 no Meixoeiro e o vindeiro martes 15 no Cunqueiro.

 

Representantes do comité (7 delegadas/os da CIG e 2 da UGT) compareceron hoxe en rolda de prensa para dar conta de situación na que as persoas traballadoras teñen que desenvolver as súas funcións e como esta afecta á calidade do servizo e aos propios/as pacientes. “Vémonos na obriga de facer pública a nosa profunda preocupación pola situación laboral que padecemos dende que esta empresa se fixo cargo do servizo”, sinalaron.

En concreto, incidiron no alto nivel de estrés que lles provoca a falta de persoal e de mantemento das instalacións e da maquinaria, “que afecta tanto a capacidade de desenvolver o noso traballo como a calidade do cociñado”. Neste senso, sinalaron que a cociña do Meixoeiro atópase “totalmente abandonada”, até o punto de que conta cun lavalouzas “que non desinfecta”. De xeito que teñen que botar man dun tren de lavado “obsoleto” do que a louza sae sucia e sen desinfectar, o que lles obriga a ter que lavala a man.

Os quentadores nos que se quenta a comida (xa que dende hai 10 anos non se fai de comer no propio centro) están sen mantemento e un deles non funciona. “Levamos tres meses agardando que o reparen, pero Eurest di que as pezas teñen que chegar dende Alemaña”. Isto está a provocar problemas “graves” porque as comidas chegan con atraso e os pacientes “non comen cando teñen que facelo”. Tampouco funciona o sistema de extracción, “o que provoca que pingue auga pola condensación e fai que nos pique a pel, os ollos e a garganta”.

Escaseza e baixa calidade da materia prima

Outro aspecto sobre o que fixeron fincapé foi na escaseza da materia prima, “que ademais cada vez é de menos calidade porque as empresas aproveitan para aforrar”. Até o punto de que moitas veces teñen que botar man de alimentos que estaban reservados para o día seguinte.

Todas estas deficiencias foron postas en coñecemento da empresa mediante multitude de escritos, “pero non fixo nada por solucionalas”. Por iso o cadro de persoal decidiu comezar mobilizacións “para que nos escoiten e rematen con esta situación de deterioro criminal que afecta gravemente a prestación do servizo”.

A primeira delas tivo lugar hoxe mesmo, nada máis rematar a rolda de prensa, na entrada principal do Meixoeiro de 12:00 a 13:00 horas. Para o xoves 10 está prevista unha nova protesta tamén no Meixoeiro no mesmo horario. E martes o 15 desenvolverán outra concentración porta de Consultas do Álvaro Cunqueiro de 11:30 a 13:30 horas.