Mobilízanse no INSS en Vigo polo incumprimento do acordo para a implantación dun plan de recursos humanos na Seguridade Social
Delegados/as sindicais e traballadores/as do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) desenvolveron onte unha concentración diante da dirección provincial do organismo público en Vigo para esixir o cumprimento do acordo polo que se establecen as condicións iniciais para a implantación dun plan estratéxico de recursos humanos na administración da Seguridade Social. Acordo asinado polo Secretario de Estado da Seguridade Social e Pensións, Borja Suárez Corujo, e que, segundo denuncian, el mesmo incumpre.
A mobilización, convocada pola CIG, CCOO e CSIF, tivo lugar logo das levadas a cabo recentemente en Madrid e León, “e todo indica que continuarán diante da persistencia de Suárez Corujo en incumprir o asinado”, adiantan dende as organizacións sindicais.
Estas centrais, que representan o 67,81% do persoal público da Administración Xeral do Estado, denuncian as difíciles condicións nas que o persoal da Seguridade Social ten que desenvolver o seu traballo, “soportando un incremento permanente das cargas de traballo, dificultades por constantes modificacións de normativas e novidades na xestión telemática e organizativa.” Un persoal que nestas situacións “realiza o mellor servizo público que pode prestar, con responsabilidade, pero sen ser agradecido nin recoñecido”, afirman.
Principais reclamacións do persoal da Seguridade Social
- Ordenación de recursos humanos: reorganización e actualización das relacións de postos de traballo, con identificación de áreas funcionais e de postos con traballo a distancia e/o con lingua cooficial propia, que permita unha estrutura adaptada á realidade actual.
- Produtividades: revisión do modelo e repartición íntegro do orzamento existente, sen excepción e linealmente aos niveis 22 e inferiores, evitando que parte da masa salarial do persoal sega a devolverse a Facenda ano tras ano; a modificación da resolución de produtividade afectando a todo o persoal e que actualmente discrimina ao persoal destinado nas Unidades de Recadación Executiva respecto á penalización por razóns de enfermidade xustificada por baixa médica; situación que debe ser revisada cara ao conxunto do persoal que presta servizos na Seguridade Social.
- Provisión de postos: convocatoria con carácter de urxencia dun macroconcurso para a cobertura da totalidade de postos de traballo vacantes ou con ocupación provisional afectando os niveis 22 e inferiores, antes da resolución de calquera Oferta de Emprego Público, priorizando a promoción interna ante a oferta libre. Estabilidade nas bases de convocatoria orientando o mesmo cara ao concurso aberto e permanente, situación que facilitaría a redistribución do persoal nas postos vacantes que se suceden coas xubilacións e que abocan a que haxa oficinas que queden practicamente baleiras.
- Traballo a distancia con carácter voluntario: a prestación de servizos nesta modalidade de organización do traballo durante dous días semanais en todas as Entidades Xestoras e Servizos Comúns da Seguridade Social, con vocación de ir ampliando os días a tres ou máis semanais, en liña co modelo implantado para o resto de persoal dependente do Ministerio e do resto de departamentos ministeriais nos que se asumen funcións de iguais ou similares características.
- Revisión de complementos específicos e retribucións ligadas ao cargo: dirixido á totalidade do persoal sen excepción, que reflictan a realidade actual da xestión da Administración da Seguridade Social, para adecuar as características de cada posto á responsabilidade que realmente supón e se asume a diario.
- Estabilidade no emprego: a cobertura definitiva das prazas ocupadas provisionalmente polos procedementos legalmente establecidos, cumprindo cos compromisos da Unión Europea en canto á redución da temporalidade no sector público até un máximo do 8% do persoal (prazo xa expirado e actualmente cifrada en máis dun 20%), cuxo incumprimento supón penalizar economicamente as subvencións recibidas desde a UE; creación de bolsas de traballo específicas no ámbito da administración da Seguridade Social, para acceder a un sistema con todas as garantías e aproveitamento duns coñecementos mínimos da estrutura e tarefas a desempeñar dentro das Entidades Xestoras e Servizos Comúns da Seguridade Social.