Mobilízanse na Confederación Empresarial de Ourense por un convenio digno no siderometal

A CIG-Industria rexeita a última proposta da patronal ao supoñer perda de dereitos laborais e non contemplar suba salarial
Ourense - 25 Mar 2025

Delegados/as da CIG-Industria mobilizáronse esta tarde na Confederación Empresarial de Ourense (CEO) para reclamar un convenio colectivo digno no sector do siderometal despois de que a última oferta da patronal contempla perda de dereitos laborais e non inclúe ningún tipo de suba salarial.

A central sindical considera “moi lesiva” a proposta de máximos achegada polo empresariado na última reunión moi lesiva e denuncia que “por primeira vez” non contempla ningún incremento de soldos. Por iso o persoal do sector decidiu comezar mobilizacións na asemblea celebrada recentemente para abordar a situación.

A primeira delas consistiu nunha concentración diante da sede do empresariado provincial ao berro de “Revisión salarial para o metal”, “O tempo indispensable é innegociable”e “Convenio digno para o metal”. Para demandar un aumento salarial xusto, con cláusula de revisión; e para rexeitar a bolsa horaria, o novo período de proba e a eliminación do tempo indispensable, que suporía empeorar os permisos e as licenzas.

Na CIG-Industria consideran que “non é de recibo” que a patronal condicione calquera cuestión salarial á aceptación do resto das súas propostas. “Mentres os prezos seguen a subir a patronal nin sequera fai unha proposta de incremento de soldos”.
Ao mesmo tempo, o empresariado quéixase da dificultade para atopar persoal cualificado. “Se queren reter e atraer persoal cualificado que suban os salarios, reduzan a xornada e invistan en tecnoloxía e formación”, sinalan.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.