Mobilízanse en Ourense contra os despidos no servizo de conservación de estradas da Xunta

A CIG denunciara a incerteza na que quedaba o persoal tras o rescate das autovías AG-31 (Ourense), AG-11 (Brión-Barbanza) e AG-56 (Santiago-Brión)
Ourense - 11 Dec 2025

A Federación da Construción e Madeira (FCM) da CIG desenvolveu hoxe unha concentración diante da sede da Axencia Galega de Infraestructuras (AXI) da Xunta en Ourense en rexeitamento dos despidos efectuados no servizo de conservación das autovías AG-31 (Ourense), AG-11 (Brión-Barbanza) e AG-56 (Santiago-Brión).

Dende a FCM-CIG explican que as rescisións de contrato fixéronse despois de que o Goberno galego rescatara estas autovías a partir do 1 de xaneiro, e dende entón a central sindical vén denunciando a incerteza laboral na que quedaban as persoas traballadoras destas conservacións, facendo especial fincapé no persoal de cámaras.

“Tal como criticamos no seu momento a raíz da pregunta feita a través do BNG no parlamento galego para pedirlle explicacións á Xunta sobre este rescate, e en especial sobre o mantemento dos postos de traballo, o Executivo autonómico respondeu que se conservarían os postos que fosen necesarios”, lembra o secretario nacional da FCM-CIG, Plácido Valencia.

Polo que para o responsábel sindical queda claro, despois dos despedimentos efectuados polas empresas adxudicatarias e respaldadas pola Xunta, “que ao actual Goberno galego pouco lle importa o futuro laboral das persoas traballadoras das conservacións, así como a seguridade das persoas usuarias destas estradas”.

Diante disto, anuncia que a central sindical seguirá a denunciar a situación e a mobilizarse na defensa dos postos de traballo “que á Xunta non lle importou eliminar”.