Mobilízanse contra os abusos e a nefasta xestión de persoal na residencia de maiores de Campolongo
O comité de empresa do persoal laboral dependente da Xefatura Territorial de Política Social de Pontevedra mobilizouse hoxe para denunciar publicamente os “abusos” e a “nefasta xestión” de persoal por parte da dirección da residencia de maiores de Campolongo.
Dende a representación do persoal lembran que en maio do 2020 xa criticaran a xestión do persoal durante a pandemia por parte da dirección: continuos cambios de carteleiras, falta de reforzo de persoal, falta de diálogo entre dirección e persoal e fustigamento continuo ao persoal. “Presentadas as oportunas queixas diante da Xefatura Territorial e da Secretaría Xeral Técnica, pouco ou nada se fixo sobre o tema”.
Denuncian que se usou a pandemia do novo coronavirus como unha unha “barra libre” para “facer e desfacer” na xestión de persoal “e todo estaba permitido, pero o persoal e o comité perdemos a paciencia cando en agosto do 2020 se dita unha nota interna na que se insta o persoal a baleirar as súas taquillas porque se vai proceder a súa limpeza e desinfección, e a partir dese día deixan de ser nominativas e pasan a ter uso como se dun ximnasio se tratara”.
Isto obrigaba a todo o persoal a levar as súas pertenzas todos os días a casa e a traelas de volta na quenda seguinte, “co risco de contaxio que isto supón en plena loita contra a covid e cando se prohibían ata os cambios de andar entre o persoal pola sectorización do centro”. Diante disto o comité presentou en agosto un escrito na Xefatura e na SXT “para que tomaran cartas no asunto, pois a xuízo do comité esta norma incumpría o estipulado no RD 486/1997, de 14 de abril, sobre disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo”.
Pero o 18 de setembro a Xefatura respóndelles que a dirección da residencia argumenta que o acontecido ten que ver con que non había taquillas para todo o persoal e deste xeito pretenden garantir a seguridade e a saúde de todo o persoal. “Como isto non nos convence, o 21 de setembro presentamos denuncia na Inspección de Traballo”.
Resolución da Inspección de Traballo
A autoridade laboral dalles finalmente a razón o pasado mes de febreiro e na súa resolución recolle que non hai taquillas suficientes para todo o persoal, nin son dobres a pesar que o persoal está exposto a riscos biolóxicos; a zona carece de calquera tipo de ventilación; e non está dotada dos bancos ou asentos suficientes polo que require da Consellaría que adopte as medidas necesarias para garantir que as zonas de duchas, aseos e vestiarios cumpran o disposto no RD 669/1997, de 12 de maio, sobre a protección dos traballadores/as contra os riscos relacionados coa exposición aos axentes biolóxicos durante o traballo e no RD 486/1997, de 14 de abril, de disposicións mínimas de seguridade e saúde nos lugares de traballo.
“Mais como dende entón non tivemos noticia ningunha, nin nos consta que se fixera nada ao respecto, decidimos convocar mobilizacións, porque a isto hai que engadir que a estas alturas do ano os dous colectivos máis numerosos descoñecen aínda as súas carteleiras de traballo para 2021, o que impide calquera programación das vacacións anuais e da conciliación”. Ao mesmo tempo, e a pesar do reforzo do persoal durante a pandemia, “a mala xestión fixo que se xeraran días a maiores”.
Tamén lamentan a falta de diálogo entre a dirección e o persoal ou a súa representación, “até o punto de que nas reunións que houbo co comité a directora non escoita, está sempre á defensiva e intentando xustificarse”. En consecuencia o traballo diario convértese “nunha ditadura de ordeno y mando”. E denuncian o continuo fustrigamento do persoal, con cambios de quendas, chamadas a dirección para pedir explicacións polos escritos asinados, cambios de ordes, etc.