Mobilízanse contra o despido dun traballador do Grupo Cafersa no Barco que se negou a facer horas extra

A CIG-Construción desenvolveu unha concentración diante das instalacións da empresa Canteras Fernández SL Elaboración na nave Castrelos, en Casaio
Valdeorras - 13 Out 2025

A Federación da Construción e Madeira da CIG levou a cabo hoxe un concentración diante das instalacións da empresa Canteras Fernández SL Elaboración (pertencente ao Grupo Cafersa) na nave Castrelos, en Casaio, para rexeitar o despedimento dun traballador que se negou a facer horas extraordinarias.

Dende a central sindical denuncian que neste grupo de empresas obrígase o persoal a facer horas extras diarias, e quen se nega é castigado con sancións e mesmo despedido, como ocorreu con este traballador. “A dirección inventou acusacións falsas sobre o seu labor para xustificar a decisión, cando se trata dun claro caso de represalia e dun intento de amendrentar ao conxunto do cadro de persoal”.

En consecuencia, a FCM-CIG adianta que vai a poñer en coñecemento da Inspección de Traballo o exceso de horas extraordinarias que se están a realizar na empresa, ao tempo que lembra que as horas complementarias son voluntarias, nunca obrigatorias, e que non poden superar as 80 ao ano nin supoñer motivo de despedimento.

Pola súa banda, dende a CIG-Valdeorras esixen a readmisión inmediata do traballador despedido e o cese das presións, represalias e persecución laboral que padecen as persoas traballadoras do sector da lousa.