Rexeitan o despido de persoal de Pescanova con limitacións tras ser declarado non apto polo servizo de prevención
Traballadores/as de Nueva Pescanova desenvolveron hoxe unha concentración diante das instalacións da empresa en Chapela de 13:45 a 15:30 horas convocados/as pola CIG e USO para rexeitar os despidos que a dirección está a executar entre o persoal con limitacións tras ser declarado non apto polo servizo de prevención da empresa de alimentación.
Dende as centrais sindicais denuncian que dende hai tempo que a compañía tomou a decisión de “ir adelgazando” o cadro de persoal do grupo, “mais non entre os directivos/as, cuxo número segue a medrar, senón entre os traballadores/as”. De xeito que Nueva Pescanova está a desfacerse de empregados/as con certa antigüidade e que se atopan en situación de baixa de mediana ou longa duración. “Baixas provocadas na maioría dos casos polas condicións de traballo nas factorías da empresa”, sinalan.
Nos últimos tempo, coa complicidade do servizo de prevención, a compañía está a botar man de informes “á carta” para declarar persoal non apto a determinadas persoas que, padecendo algún tipo de limitación, até o momento viñan desenvolvendo tarefas con total normalidade en postos compatíbeis coa súa limitación.
Por iso a CIG e USO optaron por convocar protestas para amosar o rexeitamento dos traballadores/as de Nueva Pescanova a esta utilización discriminatoria do sistema de prevención por parte da empresa. “Negámonos a aceptar estes despidos por motivos de saúde, non podemos aturar que primeiro nos exploten e logo se desfagan de nós mediante estas malas prácticas”.