29-O: mobilizacións “Por unhas pensións públicas, dignas e garantidas”

O colectivo de xubilados e pensionistas da CIG convoca concentracións en todas as comarcas
Nacional - 24 Out 2019

O colectivo de xubiladas e xubilados e pensionistas da CIG chama a mobilizarse o vindeiro día 29 de outubro, dando continuidade a campaña “Por unhas pensións públicas dignas e garantidas”. Entende que xa é hora de recuperar os dereitos arrebatados e que esta é unha loita de todas e de todos, non só de xubiladas/os e pensionistas.

Convocatorias:

  • Compostela: 20:00 h. Praza do Toural
  • Vigo: 19:00 h. Farola de Urzaiz
  • A Coruña: 19:30 h. Obelisco
  • Lugo: 19:00 h. Praza Maior (concello)
  • Ourense: 20:00 h. Parque de San Lázaro (diante do INSS)
  • Pontevedra:  20:00 h. Praza da Peregrina

O colectivo denuncia que as pensións galegas son as segundas máis baixas do Estado e que as mulleres son as máis prexudicadas. De feito subliña que un/ha de cada dez pensionistas na Galiza cobra menos de 415,43 euros ao mes.

Alerta de que, porén, “agora temos outra vez enriba a ameaza dunha suba miserable das pensións de só o 0,25 e non co IPC”. Por iso exixe a fixación, por lei, da pensión mínima igual ao SMI e a súa revalorización co IPC.

Derrogación das reformas

O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG exixe ademais a derrogación das reformas de 2011 e 2013 para que se garanta o futuro para as pensións. Xunto a iso reclama emprego estábel e digno –para o que é preciso derrogar tamén as reformas laborais- para así garantir tamén a viabilidade das pensións. Cuestións ambas para as que asegura que “só fai falta vontade política”.