Mobilizacións en toda Galiza en demanda de pensións dignas
A CIG ten convocadas mobilizacións, para o vindeiro martes día 22 de maio, en 18 cidades e vilas galegas en demanda de emprego, salarios e pensións dignas. A central sindical exixe un sistema público de pensións que garanta que se cobren hoxe, mais tamén no futuro. Por iso, entre outras cuestións, convoca Folga Xeral para o vindeiro 19 de xuño, entendendo que é “a arma máis poderosa que temos para defender as pensións públicas” e os dereitos roubados da clase traballadora galega.
Horas e lugares
A Coruña: Obelisco 11:30h
Ferrol: Edificio da Xunta 20h
Santiago: Praza do Toural 20h
Boiro: Praza do Concello 20h
Pontevedra: Diante da Peregrina 20h
A Estrada: Praza do Mercado 20h
Vigo: Vía Norte 19h
Lugo: Praza Maior (Concello) 20h
Guitiriz: Concello 20h
Sarria: Praza da Vila 20h
Vilalba: Praza da Constitución 20h
Monforte: Concello 20h
Chantada: Praza de Galiza 20h
Burela: Praza da Mariña 20h
Ribadeo: Concello 20h
Viveiro: Concello 20h
Ourense: Subdelegación do Goberno 19:30 h
Cee: Diante do Concello 11:30 h
A CIG denuncia que o PP pretende facer ouvidos xordos ao clamor social que exixe pensións dignas e o seu intento de “vendernos un acordo que recollerá nos Orzamentos a suba das pensións, coma se con iso se solucionaran os graves problemas que trouxeron as reformas das pensións de 2011 e 2013, e as reformas laborais, e as políticas económicas e sociais aplicadas”.
Para a central sindical non se trata dunha loita só pola suba duns euros na pensión, nin de que esta se articule vía Orzamentos do Estado. “Está na derrogación destas reformas das pensións e a eliminación da política económica e laboral das reformas laborais, que xeran pobreza e explotación laboral”.
Advirte da pretensión do goberno de Raxoi de facernos crer que as pensións públicas non son viábeis e que hai que complementalas con aforro e con pensións privadas. “Non caiamos na trampa. É a Administración a que debe garantir unhas pensións públicas dignas. E pode facelo, non é un problema económico o que llo impide, só é precisa vontade política. O Sistema Público de Pensións en Galiza, ou mesmamente un sistema público galego, é posíbel, viábel e capaz por si mesmo”.
Derrogación das reformas laborais e das pensións
A CIG atribúe a actual situación ás sucesivas reformas aprobadas tanto polo PSOE, no 2011, como polo PP, no 2013, que “complican cada vez máis o acceso ás pensións contributivas, diminúen as contías das pensións de quen accede ao sistema e atrasan a idade efectiva de xubilación”.
Neste sentido lembra que máis da metade das pensións galegas son inferiores ao salario mínimo, e temos as pensións máis baixas do Estado Español e que xa se avisou desta situación pola que mesmo convocou en 2011 unha Folga Xeral, mentres UGT e CCOO aprobaban a reforma de Zapatero.
Por iso insiste na necesidade de seguir denunciando e loitando para que ese factor de sustentabilidade do que veñen de suspender a súa entrada en vigor, non se efectivice. Caso contrario alerta de que “chegará e poderá reducir ata nun 20% as futuras pensións, a conta das mentiras sobre o aumento da esperanza de vida, xa que canto máis maiores sexamos, pensións máis pobres teremos”, augura.
Lembra que o Sistema Público de Pensións “é unha conquista da clase traballadora a través de décadas de loita” e reafírmase na necesidade de volver estar na rúa reclamando que as pensións públicas, as de hoxe e as de mañá, sexan dignas e se poida acceder a elas en equidade e sen obstáculos.