Mobilizacións en demanda de persoal suficiente nas residencias dependentes de Política Social
O persoal das residencias de atención directa dependentes da consellaría de Política Social concentrábase máis unha vez, este xoves, diante dos centros de traballo para denunciar que levan 12 semanas reclamando negociación sen que se recibira resposta algunha da consellaría, que se nega, non xa a atender as súas demandas, senón mesmo a falar coa representación sindical.
Trátase do persoal que estivo e está en primeira liña nas residencias de maiores, de menores, de atención á diversidade centros de día ou centros de atención á infancia. Traballadoras e traballadores que veñen denunciando desde hai anos a sobrecarga de traballo que teñen e que se multiplicou desde hai sete meses por mor dunha pandemia que se cebou especialmente coas persoas usuarias destes centros.
Ademais das concentracións diante dos centros de traballo, unha representación das organizacións sindicais convocantes, CIG, UGT, CCOO e CSIF concentrábase tamén diante da propia consellaría de Política Social. Alí, a responsábel nacional da CIG-Autonómica, Zeltia Burgos, demandaba a apertura dunha canle de comunicación coa consellaría para poder facer chegar as súas reivindicacións.
“Non entendemos como a conselleira non recibe ás organizacións sindicais para tratar das condicións nas que desenvolve o persoal das residencias o seu traballo. Sabemos que hai positivos entre as usuarias e usuarios e tamén que hai traballadoras e traballadores afectados pola covid, pero non temos ningún tipo de comunicación, nin nós nin os comités de seguridade e saúde laboral que son os que deberían ter información directa e urxente de cada caso e das medidas que se propoñen para atallar posibles surtos”, explicaba Burgos no decurso da concentración simbólica.
A responsable da CIG-Autonómica fixo especial fincapé nas dificultades ás que se enfronta a diario o persoal, que mesmo se ve impedido a saír sequera á porta do seu centro de traballo a protestar “pola presión que ten e pola organización que se está a establecer fronte a covid”.
Recoñecer o valor do traballo que desenvolven “é de xustiza”
Por iso Burgos considerou “de xustiza” que a administración atenda a demandas que van no camiño de dignificar as condicións de traballo e incrementar o persoal para poder atender en condicións ás usuarias e usuarios das residencias.
Demandas entre as que está a devolución dos artigos do convenio recortados en 2012, que provocaron a perda de máis de 700 traballadoras e traballadores; a conversión dos contratos a tempo parcial en contratos a xornada completa; que se poña fin á precariedade no sector público ou un incremento das prazas públicas de xestión directa e que se poña fin á precariedade no sector público.
Descanso semanal garantido
Xunto a isto queren poder gozar de dous días ininterrompidos de descanso semanal, librar a metade de domingos e festivos alternos en cómputo anual e a súa compensación en tempo. Deste xeito rebaixaríase a carga de traballo e posibilitaríase a contratación de máis persoal.
Ademais exixen que en cada centro se dispoña do material para equipos de protección suficiente, tanto para unha situación normal, como para unha de illamento. Cuestións, ao seu entender, básicas que deberían ser abordadas a maior brevidade posible.