A CIG anima a participar nas protestas convocadas polo feminismo para o sábado 9 de setembro
A Marcha Mundial das Mulleres, da que a CIG forma parte, xunto con outros colectivos e organizacións que forman parte do movemento feminista galego, solidarízase coa convocatoria de mobilizacións para o sábado 9 de setembro, impulsada por organizacións feministas no estado español. O obxectivo é denunciar que non se está a aplicar o artigo 10 da Lei 4/2015 do Estatuto da Vítima do Delito, que estabelece que "as crianzas menores e menores suxeitas e suxeitos a tutela, garda e custodia das mulleres vítimas de violencia de xénero terán dereito ás medidas de asistencia e protección".
A convocatoria foi impulsada tamén en solidariedade con Juana Rivas, unha muller en liberdade provisional, acusada de subtracción de menores e desobediencia á xustiza, por non entregar no prazo estabelecido nunha orde xudicial aos seus fillos ao pai, condenado por lesións no ámbito familiar e sobre o que pesa outra denuncia por violencia machista aínda sen resolver polos tribunais.
Lugares das manifestacións
A CIG anima a participar nas manifestacións convocadas para o vindeiro sábado, 9 de setembro, ás 19:00 horas, nos seguintes lugares:
-Vigo, dende o MARCO
-Ourense, Subdelegación do Goberno
-A Coruña, dende o Obelisco
-Compostela, dende a Praza 8 de Marzo
-Pontevedra, dende a Peregrina
-Ferrol, dende a Praza Amada García
-Lugo, dende a Praza Maior
O caso de Juana Rivas, por ser mediático, puxo de actualidade a situación que están a atravesar tamén na Galiza moitas mulleres, obrigadas por decisións xudiciais inxustas a entregar as súas crianzas ao pai maltratador.
Situación dos xulgados de violencia
Ao tempo, desde a CIG lembramos a denuncia que fixemos pública o pasado 12 de xullo, ao respecto da situación dos Xulgados de Violencia de Xénero na Coruña, logo de que se comunicase ás centrais sindicais que o Ministerio non ía nomear ningún xuíz substituto no que queda de ano 2017, e por tanto, o Xulgado de Violencia sobre a Muller fica sen xuíz ou xuíza durante as vacacións do seu titular, que foi substituído polo de garda, tendo que atender simultaneamente ambos os dous xulgados.
Este tipo de situacións amosan que tanto o goberno galego como o do estado español non teñen entre as súas prioridades combater a violencia contra as mulleres. Falar dun Pacto de estado contra a Violencia de Xénero cando se pechan xulgados aludindo a criterios económicos é un exercicio de hipocrisía.
Quen maltrata non pode ser un bo pai
Denunciamos as descualificacións ou o silencio cómplice de moitos medios de comunicación sobre este caso e outros similares. O único xeito de cambiar as leis que consideramos inxustas é desafiándoas, facéndolles fronte. E ao tempo, cremos que é hora de cuestionar o dereito das ou dos proxenitores a exercer a paternidade sen límite.
Cuestionamos as reivindicacións ao respecto do modelo de custodia compartida imposta (isto é, como modelo preferente e imposto a nivel xudicial e non como opción escollida e acordada entre os membros da parella). E manifestamos claramente que unha persoa condenada por exercer a violencia no ámbito familiar non pode exercer os seus dereitos como proxenitor (ou proxenitora).
É moi recente o asasinato machista de M.M.A, de 73 anos hai unhas semanas, a paus, polo seu ex-xenro no barrio coruñés de Montealto, cando intentaba protexer á súa neta, que foi secuestrada por este até que foi detido. Quen maltrata non pode ser bo pai.