Mobilizacións en apoio a Palestina o domingo 22 de outubro, ás 12:00 horas, nas cidades e vilas galegas

Internacional - 20 Out 2023

A CIG fai un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas o vindeiro domingo, día 22 de outubro, ás 12:00 horas, en cidades e vilas galegas, en apoio a Palestina. A central sindical manifesta o seu rotundo rexeitamento ao xenocidio e a limpeza étnica que o estado sionista de Israel, con total impunidade, está a cometer contra o pobo palestino coa complicidade da comunidade internacional.

Son centos e miles os palestinos asasinados, os presos e torturados nas cadeas israelís, os mortos como consecuencia do bloqueo, os inspeccionados e humillados a diario, desde hai décadas. É sistemática a violación dos dereitos humanos, constante a ocupación militar dos territorios palestinos e permanente a vulneración das resolucións das Nacións Unidas. Ataques indiscriminados da maquinaria de guerra israelí contra un pobo sometido a un réxime de apartheid, que constitúen crimes contra a humanidade.

A CIG manifesta a súa contundente condena ás atrocidades cometidas contra o pobo palestino. Reclama o urxente cese dos ataques indiscriminados de Israel e, xa que logo, o inmediato alto ao fogo; a urxente apertura de corredores para facilitar a entrada de axuda humanitaria; a fin da ocupación, o remate do apartheid e a inaprazábel reacción das institucións internacionais e dos estados occidentais para que se poña, dunha vez por todas, fin a estes crimes.

MOBILIZACIÓNS
  • A Coruña: Obelisco
  • Allariz: A Barreira
  • Betanzos: Cantón Claudino Pita
  • Burela: Praza do concello
  • Cangas: 13h Praza do Concello
  • Carballo: Praza do concello
  • Cee: Praza Concha Blanco
  • Compostela: Praza Roxa
  • Ferrol: Praza do concello
  • Lugo: Diante do concello
  • Monforte: Praza de España
  • Ourense: Rúa Paseo Subdelegación de Defensa
  • Pontedeume: Praza do concello
  • Pontevedra: Praza da Peregrina
  • Ribeira: Praza do concello
  • Vigo: Cruce Vía Norte
  • Vilagarcía: Praza da Galiza

 Paremos o xenocidio na Palestina!!