Mobilización o 13 de xuño nas Pontes ante os incumprimentos de Endesa e a pasividade das administracións
A CIG, UGT e CCOO acordaron de urxencia convocar unha mobilización para o próximo xoves, 13 de xuño, en resposta aos incumprimentos de Endesa coa complicidade da Xunta de Galiza, o MITECO e o propio Concello das Pontes. A protesta terá lugar ás 20 horas na Praza do Carme e coa mesma tamén se quere reclamar a convocatoria inmediata da Mesa de impulso económico das Pontes, que non se reúne dende o pasado mes de novembro malia as solicitudes reiteradas dos sindicatos e a situación límite da localidade.
Cómpre lembrar que por parte da Consellaría de Industria se adquiriu o compromiso de que a mesa se reuniría de maneira periódica co obxectivo de realizar o seguimento do proceso de desmantelamento da central térmica, o estado das licencias e permisos e, principalmente, para garantir o mantemento do emprego na industria auxiliar e a principal, evitando que os traballadores e as traballadoras teñan que pasar polo desemprego.
Pero Endesa rompeu este compromiso de continuidade, e ante a comunicación de que a maioría do persoal que estaba traballando nas tarefas de pre desmantelamento será despedido o 15 de xuño, a convocatoria da Mesa é unha prioridade que a Xunta non pode continuar eludindo.
A conselleira de Industria segue a ser a mesma persoa antes e despois das eleccións autonómicas, polo que non existe xustificación para continuar atrasando esta convocatoria e obrigar a empresa a cumprir os acordos acadados en novembro.
Doutra banda, a CIG- Industria denuncia que non existe ningún avance nin hai concreción nos proxectos presentados no marco da mesa constituída en Madrid, a pesar do compromiso do MITECO de facer un seguimento puntual.
As Pontes atravesa unha emerxencia industrial e social que cómpre responder nas rúas e coa mobilización social para exixir unha transición realmente xusta, a materialización dos proxectos industriais, políticas de reindustrialización e garantías de continuidade nos empregos.