Mobilización no Gadis Hiper de Carballo para esixir información clara e protección fronte á covid19
A CIG mobilizouse este venres diante do Gadis Hiper de Carballo (no Centro Comercial Bergantiños) en demanda de medidas de protección efectivas para o persoal e a clientela fronte á covid19 e para esixirlle á empresa que traslade información clara e puntual ao conxunto das traballadoras e traballadores deste establecemento. A protesta, debido ás restricións que hai na localidade, desenvolveuse en dous grupos de dez persoas situados en puntos separados da entrada ao complexo comercial.
As delegadas da CIG no comité (2 CIG, 2 UGT, 1 USO) explican que no hipermercado de Carballo téñense rexistrado varios casos positivos de coronavirus, pero a información que ofrece a dirección resulta escasa, transmítese só oralmente e de maneira oficiosa a distintos grupos de persoas. "O que demandamos é que se nos informe de xeito inmediato e completo por parte de Gadis dos casos posíbeis, probábeis e confirmados e das medidas que a empresa toma para garantir a nosa seguridade e a das persoas que veñen aquí facer a compra", sinala Eva Rodríguez, delegada pola CIG no comité de Gadis Hiper Carballo.
Critica que haxa moito cartel e megafonía recomendando o mantemento da distancia de seguridade e o uso de lubas en froitería, cuestións que dan unha falsa sensación de seguridade cando "descoñecemos como son os protocolos de actuación, se fan desinfeccións da tenda cando hai positivos ou cantas/os compañeiras/os están en corentena en cada momento".
Eva Rodríguez destaca que dende o inicio da emerxencia sanitaria a CIG presentou numerosas denuncias na Inspección de Traballo pola falta de información e a ausencia de medidas de prevención e protección, que derivaron en requirimentos severos a Gadis por parte da autoridade laboral. "E só foi a partir deses requirimentos cando a empresa comezou a actuar".
Neste senso, lamenta tamén que a consulta e a participación do Comité de Saúde Laboral (no que a CIG non ten presenza) “está sendo ninguneado por parte da dirección da empresa”.
Sen control de aforo e sobrecarga de traballo
A delegada da CIG lembra que o Gadis Hiper de Carballo (que está dentro dun centro comercial) conta con máis de 100 traballadoras e traballadores e ten aforo para 1201 persoas, o cal imposibilita o mantemento da distancia de seguridade. A pesar de que nestes días a localidade está sometida a restricións máis estritas, "seguimos sen ter un control de acceso, cando esta tenda ten unha enorme concorrencia”.
A este respecto, denuncia que o persoal ten que soportar unha gran carga de traballo porque Gadis non realiza suficientes contratacións e mantén o cadro de persoal ao mínimo indispensábel. Neste hiper, engade, tampouco se reduciu o horario e "agás durante o estado de alarma, seguimos abrindo os domingos con normalidade".