Piquete na central das Pontes para evitar que Endesa desmantele parte da obra de adaptación
Traballadores/as da central, transportistas e sindicalistas realizaron esta mañá unha protesta de urxencia diante da térmica das Pontes para impedir o desmantelamento de parte da obra de adaptación dos grupos 3 e 4 que se está a realizar. A mobilización convocouse nada máis coñecerse as intencións da eléctrica e levou a que un piquete se concentrara para bloquear os accesos ás instalacións até que a eléctrica recuou nas súas pretensións.
A medida de presión, explica Alberte Amado, da Executiva da CIG-Industria, obrigou a dirección da central térmica a suspender a desmontaxe de parte da desulfuradora (recentemente posta en marcha para adaptarse á normativa de emisións industriais) e a reafirmar a garantía inicial de non desmantelar os grupos 3 e 4 até coñecer os resultados das probas con combustíbeis alternativos, aínda no caso de que estes grupos non se usen para isto.
Este compromiso de manter a actividade fora asumido pola empresa na reunión co Ministerio celebrada esta mesma semana, polo que, para Amado, esta actuación evidencia "que a produción de enerxía con biocarburantes non é a aposta de Endesa ou mesmo a intención de limitar a capacidade operativa, pois sen estas pezas non poderán producir máis que dous dos catro grupos que ten a central".
Diante disto, a CIG demanda dos Gobernos español e galego a avanzar nunha transición enerxética xusta, concretando xa proxectos e alternativas que doten de futuro industrial á comarca e esixindo da empresa compromisos e garantías de emprego.