Mobilización en apoio ao delegado despedido por Maquisaba tras pedir investigar o sinistro no que faleceron dous compañeiros

Con motivo do acto de conciliación no SMAC da Coruña, no que a empresa insistiu en negar a existencia da sección sindical da CIG e os dereitos do delegado LOLS
A Coruña - 09 Set 2026

A CIG mobilizouse este mércores no SMAC da Coruña en solidariedade co delegado sindical de Maquisaba que foi despedido de maneira disciplinaria no medio dun grave conflito pola negativa da compañía a recoñecer os seus dereitos de representación e participación sindical, con relación ao accidente mortal ocorrido o 5 de agosto na A-6 en Lugo, no que faleceron dous traballadores que viaxaban nun vehículo da empresa.

O despedimento produciuse o pasado 10 de agosto, pouco despois de que o delegado sindical, en calidade de responsábel da sección sindical da CIG, lle reclamase formalmente a Maquisaba (dedicada á construción e mantemento de vías férreas e que ten a sede en Santa Comba) a convocatoria urxente do comité de seguridade e saúde para analizar o accidente mortal.

Na comunicación, o delegado pedía coñecer as circunstancias laborais e preventivas do accidente, a planificación do desprazamento, a xornada e descansos dos traballadores, o estado e a carga do vehículo, a documentación preventiva e a investigación realizada pola empresa, así como a preservación de gravacións, comunicacións, GPS, rexistros horarios e demais documentación que puidese contribuír ao esclarecemento dos feitos.

Tamén se advertía que, desde a constitución da actual representación sindical en 2023, e malia a obriga lega, o delegado sindical da CIG non fora nunca convocado ao comité de seguridade e saúde.

Porén, a resposta da empresa foi negar a existencia da sección sindical da CIG e do seu delegado e os dereitos de participación e información reclamados. Tres días máis tarde, despois de solicitar o uso do crédito sindical, precisamente en relación coa investigación do sinistro, a dirección de Maquisaba comunicoulle por correo electrónico o seu despedimento disciplinario.

Como era previsíbel, o acto de conciliación no SMAC rematou sen avinza, polo que o proceso pola readmisión do traballador continuará na vía xudicial, coa solicitude da nulidade do despedimento por vulneración da liberdade sindical.

Ademais, a CIG xa presentou escrito na Inspección de Traballo no que deu traslado dos incumprimentos relativos aos dereitos de participación sindical, funcionamento do comité de seguridade e saúde e as trabas que a empresa está á interpoñer á investigación do accidente mortal.

Neste senso, a FCM-CIG incide en que dous traballadores perderon a vida, polo que a prioridade debe ser coñecer exactamente que aconteceu, por que aconteceu e que medidas se deben adoptar para que non volva suceder.