Milleiros na rúa a prol da sanidade pública

Manuel Mera - 21 Feb 2023

O éxito desta convocatoria en defensa da sanidade pública non se pode illar do aumento do número de folgas e manifestacións no ámbito laboral, ou sexa da loita de clases, no marco das reclamacións contra peches, redución de persoal ou a procura de mellorar e recuperar salarios

O pasado 12 de febreiro manifestáronse en Compostela milleiros de persoas en defensa da sanidade pública, enchendo a praza do Obradoiro (entre 25.000 e 50.000 segundo as fontes). A CIG facía a seguinte valoración da convocatoria: “A praza do Obradoiro quedou pequena para acoller as miles de persoas chegadas de toda Galiza para defender a sanidade pública e reclamar unha atención primaria digna. Homes e mulleres que conforman a morea de plataformas locais de SOS Sanidade Pública que se foron creando en cidades e vilas”.

 Un gran éxito de asistencia que reflicte o grao de conciencia política sobre o tema e o estado de ánimo da sociedade galega. Hai dúas décadas que non sucedía algo semellante, a razón para que fose deste xeito é a deterioración dun servizo tan esencial como é a sanidade, especialmente os centros de saúde. Tampouco se pode obviar a amplitude de forzas que fixeron a convocatoria (partidos da oposición, organizacións sociais, sindicais,...), o que obrigou os medios, mesmo os sistémicos, a darlle certa cobertura, algo que evitan cando se trata de manifestacións do nacionalismo ou accións reivindicativas da clase traballadora fronte á patronal. 

 Tanto a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) como esta importante manifestación son un chamado de atención á pasividade e ás medidas negativas tomadas polo PP na Xunta de Galiza en relación con este servizo público básico. O goberno galego pretende agochar as carencias con parches e cun relato optimista, que choca acotío coa realidade. Resulta evidente que deste xeito só quere frear a contestación das persoas afectadas, que son directamente ou indirectamente toda a poboación do país. A deterioración da sanidade pública obedece a razóns ideolóxicas, de modelo de sociedade, mais busca todos os medios para camuflalo por medo a que teña unha grande incidencia nas eleccións municipais tan próximas. Segundo SOS Sanidade Pública a falta de recursos: “está a provocar que a poboación teña gravísimas dificultades para acceder aos médicos e médicas de familia, porque a maior parte das consultas son telefónicas, en lugar de presenciais, ou que teñen que agardar máis dunha semana, nalgunhas localidades máis, para poder ser atendidos e para recibir unha chamada dos centros de saúde para saber que lles pasa”.

 Esta mobilización masiva precede o debate que se dará no Parlamento Galego para aceptar ou non unha ILP da plataforma SOS Sanidade Pública, presentada a primeiros de mes e que conta co aval de máis de 50.000 sinaturas (son necesarias 10.000 como mínimo). A Iniciativa Lexislativa recolle demandas como a consulta presencial e os cadros de persoal acaídos para atender as necesidades da poboación, cun incremento do número de efectivos de persoal médico, de enfermería e do resto dos corpos que traballan nos centros de saúde. Isto xunto coa incorporación dunha serie de profesionais, que agora mesmo non están no sistema mais que son necesarios, como psicólogos/as, fisioterapeutas, logopedas, traballadoras e traballadores sociais...

 O éxito desta convocatoria non se pode illar do aumento do número de folgas e manifestacións no ámbito laboral, ou sexa da loita de clases, no marco das reclamacións contra peches, redución de persoal ou a procura de mellorar e recuperar salarios, que perderon moito poder adquisitivo pola inflación (mentres se dá un forte aumento da concentración e centralización da riqueza, xa que a cuestión da subordinación do noso país é un feito clave que resta). Unha resposta na que axuda e moito o apoio do conxunto do nacionalismo, así como a estratexia sindical da CIG que prioriza a mobilización e a organización social, como aposta de futuro para o cambio, xa que esta central considera que son parte esencial e interdependente da acción sindical en todos os contextos, mesmo naqueles nos que están abertas as mesas de negociación.  Este é un elemento de presión necesario, esencial, neste modelo económico e social de hexemonía do capital.

 

[Galiza, 21 de febreiro de 2023]