Varios milleiros de valdeorreses/as bótanse á rúa para evitar o peche da louseira Irosa
Varios milleiros de valdeorreses/as -máis de 3500 segundo a Policía local- percorreron as rúas do Barco este venres 22 en defensa da louseira Irosa, con sede en Carballeda de Valdeorras, ameazada de peche por unha decisión xudicial derivada do litixio que a compañía mantén coa Comunidade de Montes de Trigal.
A mobilización desenvolveuse a partir das 10:00 horas ao berro de “Irosa non se pecha” e completou a distancia entre o pavillón municipal de Cabalagueiros e o edificio da Xunta, situado na Casa Grande de Viloira. Unha vez alí, o presidente do comité de empresa de Irosa, Ramón Porto, da CIG, lembrou que os 250 traballadores/as afectados/as non imos, nin podemos, nin debemos decantarnos por ningunha das partes en litixio; pero somos quen vai pagar as consecuencias de se levar a efecto o desafiuzamento e peche das empresas nas que traballamos”.
As mobilizacións do cadro de persoal estanse a suceder dende que a autoridade xudicial se presentou o pasado martes nas instalacións de Irosa para executar a sentenza, que implicaba o desafiuzamento e conseguinte peche das dúas empresas do grupo, Samaca e Irosa. A primeira delas foi finalmente clausurada, pero no caso da segunda, que é onde que se atopan as naves de produción, os operarios/as foron quen de paralizar o peche.
Novo intento de desafiuzamento
Durante esa xornada os afectados/as optaron tamén por desenvolver unha protesta espontánea nas rúas do Barco, mentres que ao día seguinte pola mañá cortaron a estrada á altura da empresa. Unha vez rematada a acción dirixíronse até o domicilio do presidente da Comunidade de Montes e lograron falar con el para propoñerlle manter unha reunión co empresario co obxectivo de paralizar o peche das dúas empresas.
Agora a CIG vén de saber que o xulgado intentará de novo levar a cabo o desafiuzamento o vindeiro 29 de novembro, que unha vez máis intentarán evitar os traballadores/as en defensa dos seus empregos.