Milleiros de persoas volven á rúa en defensa da sanidade pública da área de Vigo
Por uns servizos sanitarios 100% públicos e cos profesionais necesarios/as nos hospitais e na atención primaria. Estas foron as principais reinvindicacións baixo as que este xoves se celebrou unha nova manifestación en Vigo convocada pola xunta de persoal do Sergas e na que varios milleiros de persoas rexeitaron a discriminación que padece a área sanitaria. A marcha, que arrincou dende Vía Norte ás 20:00 horas, rematou na Porta do Sol coa lectura dun manifesto a cargo dunha paciente da sanidade pública.
No texto, a representación dos traballadores/as da sanidade pública viguesa argumenta que é posíbel “rescatar” a sanidade pública e reclama uns servizos sanitarios 100% públicos e cos profesionais necesarios/as, tanto nos hospitais como na atención primaria. “Non podemos consentir a masificación na atención primaria, polo que solicitamos que se constrúan os centros de saúde necesarios e que se doten do persoal suficiente para que poidan traballar con dignidade e atender as persoas que acoden a eles coa calidade e o respecto que merecen”.
Segundo denuncian, a situación é de tal gravidade que as e os médicos de familia e pediatras de atención primaria da área sanitaria de Vigo teñen denunciado diante da Xerencia que asisten con preocupación ao deterioro da atención sanitaria que se presta nos últimos anos no primeiro nivel asistencial. “E indican que esta situación se agravou particularmente coincidindo coa apertura do hospital Álvaro Cunqueiro”.
Lembran que na área sanitaria viguesa os pacientes están á espera de consultas presenciais de especialidades hospitalarias entre varios meses e un ano e medio. “Esperas que se realizan en caixa de correos sen data e mesmo con citas pendentes sen figurar en ningún rexistro”.
Plan para frear as listas de espera
Esta situación vese agravada coa eliminación das citas urxentes e preferentes para os especialistas do hospital. “Isto fai que os médicos de familia teñan que derivar as urxencias hospitalarias a todos aqueles pacientes que non poidan esperar tanto tempo”.
Xunto a isto, critican que os médicos de familia que teñen que mandar a un paciente ás consultas dos especialistas do hospital teñen que facelo mediante teleconsultas, “convertendo esta tecnoloxía, que podería ser unha axuda ben utilizada, nunha verdadeira barreira de acceso a estas consultas”.
Esta situación provoca que nin nos centros de saúde nin nos Puntos de Atención Continuada (PACs) se poida dar a atención sanitaria que merece a cidadanía, a pesares dos enormes esforzos das e dos profesionais. Neste senso, sinalan que as e os profesionais dos PACs están estes días “en pé de guerra” defendendo unhas condicións de traballo dignas e cos recursos necesarios. “Tampouco podemos consentir ás intolerables listas de espera actuais, tanto as cirúrxicas como para realizar probas diagnósticas ou consultas no hospital”.
Diante disto, esixen da Xerencia da EOXI de Vigo unha verdadeira aposta por un plan para frear as listas de espera, “e isto so se pode facer incrementando a actividade actual, aproveitando o 100% dos recursos durante todos os días do ano, e incrementando aqueles que xa está demostrado que son insuficientes”.
Non ao peche de camas
Sosteñen que isto so será posible se a Xerencia renuncia ás prácticas habituais de pechar camas en determinados períodos do ano para non ter que contratar persoal das listas de contratación. “Eses períodos nos que diminúe a actividade deberan ser aproveitados para acurtar esas listas de espera; e se melloramos a capacidade da Atención Primaria e recortamos as listas de espera teremos algunha posibilidade de rematar cos colapsos nas urxencias; non pode ser que teñamos un hospital novo, que ten que durar máis de 50 anos, que nos seus primeiros anos xa non teña capacidade para atender as urxencias”, censuran.
Na súa opinión, os colapsos nas urxencias son en realidade un síntoma dos colapsos na sanidade pública. “E este colapso da nosa sanidade pública so poderemos solucionalo recuperando a xestión 100% pública do hospital Álvaro Cunqueiro, para poder dotalo de todos os recursos asistenciais que nos faltan. E por suposto, dun aparcadoiro público e gratuíto”.
Apostan ademais por un hospital Meixoeiro “enteiro”, sen camas pechadas e con servizo de UCI, que permita que poidan ingresar pacientes máis complexos e tamén facer cirurxías máis complicadas.
Recortes no orzamento sanitario
No manifesto tamén se detalla que dende a chegada ao poder de Núñez Feijoo, a Xunta de Galiza recortou o orzamento sanitario nun 18%, pechou 970 camas, suprimiu 513 prazas de persoal médico e 1121 de persoal non sanitario. Na área de Vigo, co peche do Xeral, do Rebullón e do Cíes só se gañaron seis camas hospitalarias, “perdendo tres hospitais públicos a cambio dun en mans dunha empresa privada”.
Polo tanto, denuncian que estes “drásticos recortes” son os responsábeis das listas de espera e das dificultades de atención tanto nos centros de saúde como nos PACs, e tamén dos colapsos das urxencias hospitalarias. “Quen colapsou a nosa sanidade pública a principios de ano non foi a gripe, foi a política sanitaria posta en marcha polo PP Os únicos beneficiarios desta política foron as empresas privadas que incrementaron nun 42% a concertación co Sergas”.
Finalmente, aclaran que “unha vez máis temos que saír á rúa, temos que facer unha gran mobilización social -que nace da alianza da cidadanía cas traballadoras/es da sanidade pública representadas pola xunta de persoal-, xa que só así poderemos frear esta política impulsada pola Xunta, que discrimina a nosa sanidade pública”.