Milleiros de persoas toman as rúas de Galiza convocadas pola CIG para conmemorar o 1º de Maio
Milleiros de persoas participaron hoxe nas 16 mobilizacións convocadas pola CIG por toda Galiza para conmemorar o Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira. O secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, que participou na manifestación central de Vigo, fixo un chamamento a intensificar a loita obreira nas empresas e a mobilización social nas rúas para forzar “unha saída galega xusta da crise”.
Discurso completo de Paulo Carril
Imaxes de Vigo, A Coruña, Pontevedra, Santiago, Ferrol, Lugo e Ourense
Carril incidiu na necesidade de “facer valer” políticas alternativas, que no caso do noso país veñen acompañadas de reivindicar o dereito de autodeterminación para termos capacidade de decidir como pobo galego o noso futuro “e así contribuír á construción dun mundo baseado na solidariedade, na cooperación, na igualdade e na paz”.
Lembrou que a CIG leva meses mobilizándose para evitar que a clase traballadora sexa quen pague unha vez máis a crise económica, laboral, social e sanitaria, ao tempo que achegou unha serie de propostas para unha saída galega xusta, con medidas concretas que pasan por un verdadeiro Plan de Recuperación Económica, Industrialización, Creación de Emprego, Dereitos e Servizos Públicos.
Propostas que urxen a unha intervención pública na economía, no sistema financeiro, no sector industrial e na protección social, concentrando todos os recursos públicos, como única vía que permitirá un mínimo desenvolvemento económico e social xusto que garanta o dereito a poder vivir e traballar dignamente na nosa terra.
“E facemos estas propostas con toda a lexitimidade que nos dá ser a primeira forza sindical en Galiza e estar nas rúas e nos centros de traballo todos os días, loita a loita, confrontando esta situación e dando alternativas”. Ao mesmo tempo, fixo fincapé en que no momento histórico que vivimos “a mobilización, a solidariedade e a unidade de clase, a combatividade, a loita obreira e a mobilización social son o camiño para conquistar un futuro digno como clase traballadora e como pobo galego”.
Crise sanitaria
O máximo responsábel da CIG non quixo pasar por alto a actual crise sanitaria e apelou á necesidade de que “ninguén se lucre coa pandemia”, polo que considera imprescindíbel que se garanta o dereito universal á saúde e á protección fronte ao virus, “polo que reclamamos desde hai meses a liberación das patentes das vacinas para que remate o monopolio dos laboratorios privados que están a facer negocio coa nosa saúde”.
Unha crise sanitaria que se produce nun momento no que, sen se ter superado a crise económica do 2008, sigue a aumentar a concentración do poder, das rendas e da riqueza en menos mans e en menos territorios. “O 1% máis rico da poboación mundial concentra o 47%, case a metade, da riqueza mundial”, denunciou.
Tamén criticou o feito de que a pandemia está a ser aproveitada para acelerar as transformacións que se estaban a producir na economía (descarbonización) e no traballo (dixitalización, teletraballo, etc) “na dirección de manter a hexemonía do capital e dun modelo económico, laboral e social explotador e inxusto, impoñendo todo tipo de mudanzas no modelo produtivo, valéndose, unha vez máis, do papel dos estados e do consumo millonario de recursos públicos mentres aumenta o deterioro das condicións vida e de traballo”.
Por outra banda, alertou que débeda pública medra ao tempo que novos recortes veñen en camiño, mentres aumenta o desemprego, especialmente o das mulleres, a caída dos salarios, a precariedade, a pobreza laboral, e mentres a mocidade queda sen futuro. “Pero os gobernos, dirixidos pola UE, seguen impoñendo políticas para salvar o capital : socializan as perdas, repartindo o custe da crise, pero privatizan as ganancias”.
O caso español
Carril amosouse moi crítico co Goberno de PSOE-Unidas Podemos, ao que acusou de actuar ao ditado do neoliberalismo e das directrices da UE, “por moito que se disfracen con gran despregamento de centralismo madrileño e permanentes chamadas á lacra do diálogo social”.
Censurou que a “permanente propaganda” e declaracións sobre a derrogación das reformas laborais contrasta cunha vixencia e aplicación que cada día “tortura a máis traballadores/as e permite que continúen as facilidades á patronal para ERE ou ERTE á carta”.
Cando ademais imos camiño dun empeoramento da crise derivada da pandemia con novos despedimentos, que se suman a todos os executados desde o 14 de marzo de 2020, a que sexa maior a caída dos salarios, rendas e prestacións para máis sectores da clase traballadora. “ E aínda por riba, coa declaración da renda deste ano, como xa denunciamos hai un ano que ía pasar, pagan máis a Facenda os que menos ingresos teñen”.
Por iso considera inxustificábel que as reformas sigan en vigor. “É imperdoábel que non haxa iniciativas políticas máis atrevidas no Congreso dos Deputados/as para facer realidade a súa derrogación, cando se anuncian novas reformas, duras e severas medidas que pide a UE para acceder aos fondos europeos: novos recortes nas pensións públicas, novas privatizacións de servizos públicos, nova reforma fiscal para máis impostos aos pobres e menos para os ricos”.
En consecuencia, entende que a credibilidade do Goberno pasa por derrogar as reformas laborais antes de que a crise siga avanzando “porque o paso do tempo fai que aumente a ameaza dos despedimentos, xa que lle dan poder total á patronal para que de maneira unilateral decida o futuro de centos de traballadores/as”.
Tamén o PP e a Xunta de Feijóo
En canto ao contexto galego, lamentou que a acción do PP e de Feijóo á fronte da Xunta están a contribuír de forma intensa á destrución de emprego e dos nosos sectores produtivos, do comercio, da hostalaría, de industriais estratéxicas, etc. “Comarcas enteiras, especialmente no norte de Galiza, atópanse en plena reconversión e demolición, en pleno proceso de desertización industrial e social, senón somos quen de impedilo”.
Realidade que é consecuencia directa da aplicación dunha política que cualificou de suicida, “e que se emprega de forma autoritaria para satisfacer os fondos de investimento, actuando de forma submisa e dependente de Madrid e de Bruxelas a risco de causar danos irreparábeis para o futuro do pobo galego: agrávase a crise social e demográfica, aumenta a emigración e a privatización de servizos públicos e a mercantilización dos coidados ás persoas”.
Como exemplo citou o feito de que en pleno proceso de descarbonización sigan sen existir políticas públicas para unha transición social e territorial xusta, “como tampouco hai medidas públicas que fagan fronte á ditadura imposta polo oligopolio das empresas eléctricas, que seguen campando ás súas anchas, sen asumir os custes sociais, laborais e medioambientais que están a causar mentres encabezan un novo boom especulativo ligado ás enerxías renovábeis”.
“Non podemos permitir que non nos deixen tirar proveito dos nosos recursos enerxéticos e naturais para beneficio do pobo e do desenvolvemento económico do noso país”, polo que rematou a súa intervención chamando á mobilización “coa forza que nos dá a razón e a xustiza destas reivindicacións”.