Miles de persoas toman as rúas de Compostela en defensa da sanidade pública, universal e de calidade
Miles de persoas chegadas de toda Galiza tomaron este domingo as rúas de Compostela para denunciar as consecuencias dos recortes na sanidade pública galega e a súa progresiva privatización. Canda elas mobilizáronse tamén as traballadoras e traballadores do sector de ambulancias, en folga desde o pasado xoves. Miles de voces que, nunha Quintana ateigada, apuparon o presidente da Xunta porque “co lío que hai aquí, Feijóo está en Madrid”.
A mobilización, convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, rematou na Praza da Quintana, que non foi grande abondo para acoller os homes e mulleres, profesionais da sanidade pública, usuarios e usuarias, colectivos de doentes ou persoal de ambulancias que alertaron do deterioro provocado polas políticas do PP.
“Enfrontámonos a forzas moi poderosas que están detrás do Goberno de Feijóo que queren apoderarse da sanidade para facer grandes beneficios, pero asístenos a forza da razón e contamos cunha gran alianza social, política, sindical e profesional representada polas Plataformas que forman SOS Sanidade Pública e que loitan en toda Galicia por manter e mellorar o noso sistema sanitario publico”, denunciaba na lectura do manifesto Manuel Martín, un dos portavoces da Plataforma.
Xunto a el, a actriz Isabel Risco, que deu lectura á outra parte do manifesto salientaba que o noso, é “un dos mellores sistema sanitarios do mundo, segundo a Organización Mundial da Saúde e as máis prestixiosas revistas internacionais” e alertaba de que “está sendo derrubado aos poucos para deixar espazo ao sector privado. As grandes multinacionais sanitarias viron en Galiza unha gran oportunidade de negocio, e contan coa colaboración dese gran comercial que é Núñez Feijóo”.
Desmantelar e privatizar
Aseguraron que co argumento de afrontar a crise Feijóo recortou de maneira importante os recursos sanitarios públicos e que, desde o 2008, se reduciu nun 20% o gasto sanitario, suprimíronse máis de 1.000 prazas de persoal e pecharon 500 camas hospitalarias, entre outras cuestións.
Denunciaron tamén o mantemento, e ocultación, das listas de espera, onde se acumulan miles de pacientes pendentes de diagnóstico e tratamento, que provoca que os doentes pasen un “calvario” “para acceder ás primeiras consultas, probas diagnósticas e tratamentos cirúrxicos”.
Denunciaron ademais a masificación das consultas de atención primaria, nas que o persoal médico debe atender entre 30 e 60 pacientes ao día e que conduciu á aparición de listas de espera nos centros de saúde e que as e os doentes “deben esperar máis dunha semana antes de ser atendidas/os”.
Clamaron contra a deterioración dos Puntos de Atención Continuada cuxa falta de recursos e persoal, conduciu a resultados dramáticos “como todo o mundo coñece e polo que os traballadores/as levan meses en folga”.
Rexeitaron o colapso dos Servizos de Urxencias dos hospitais, “nos que se acumulan pacientes nos corredores en canto aparece a mínima epidemia de gripe ou doutras enfermidades contaxiosas” e apoiaron “a loita das traballadoras e traballadores do servizo de urxencias de Santiago para amplialo e dotalo adecuadamente “. Unha loita que consideraron “un exemplo de altruísmo para mellorar a atención da poboación”.
Solidarizáronse ademais coa “rebelión dos servizos de ambulancias, cuxos traballadores se atopan sometidos a condicións indignas”.
Privatizacións
Xunto a isto, denunciaron os “resultados desastrosos” da privatización, que “avanza a pasos axigantados” en hospitais como o Álvaro Cunqueiro de Vigo “sometido e importantes recortes de recursos e persoal para favorecer o Concerto Singular co hospital privado POVISA, que non reúne as condicións de persoal e servizos similares ás dos hospitais públicos” e “o amiguismo político, os conflitos de intereses e as portas xiratorias dos xerentes do centro e os cargos públicos están detrás do trato de favor que recibe este centro”. Mais tamén o fracaso da privatización hospitalaria en Vigo que consideraron a demostración destas políticas porque “ten as maiores listas de espera de toda Galiza”.
Lei Galega de Saúde
Con esta mobilización denunciáronse tamén as modificacións introducidas na Lei Galega de Saúde, coa que se introduciron cambios no modelo sanitario co obxectivo de “consolidar a marxinación e o sometemento da Atención Primaria aos hospitais” e transformar a saúde “nunha mercadoría que pode comprar e vender ao sector privado” en lugar de promover a prevención a educación sanitaria desde a Atención Primaria.
Por iso puxeron de manifesto que os centros de saúde e os PAC están cada vez máis empobrecidos e marxinados e alertaron de que “poderían ser externalizados e subcontratados ao sector privado como xa fixeron con outros servizos”. Por iso salientaron a “rebelión das traballadoras e traballadores de Atención Primaria” que consideraron que “abre a esperanza de frear e reverter esta situación”.
Clamaron tamén contra a recentralización do sistema, acabando coa autonomía das áreas e hospitais comarcais e lembraron que se eliminaron catro áreas sanitarias; que se están a recortar e desmantelar os hospitais comarcais, afastando á poboación rural da atención de saúde hospitalaria. “Agora as persoas enfermas deben percorrer moitos quilómetros para recibir atención hospitalaria que antes tiña preto dos seus domicilios. Aquí hai numerosas persoas e persoal sanitario que desde as Xuntas de Persoal e as Plataformas de defensa da sanidade fixeron fronte a esta política inxusta e discriminatoria”.
Precarización das condicións laborais
As miles de persoas concentradas na Quintana denunciaron tamén a precariedade laboral e a “laboralización do persoal mediante chiringuitos de xestión privada”; que se poña a investigación, o desenvolvemento, a innovación e a formación do sistema sanitario público en mans de laboratorios, empresas tecnolóxicas, bancos e multinacionais, mediante a creación de organismos de xestión privada nos que o SERGAS pon o financiamento e o sector privado patenta as innovacións. A este respecto aseguraron que “Núñez Feijóo declarou que pretende transformar o Sistema Sanitario Público Galego no motor para o desenvolvemento empresarial, poñendo o afán de lucro das empresas por encima do dereito á saúde da poboación”.
Por iso reclamaron que se recuperen os recursos recortados ao longo destes anos e advertiron de que será unha loita difícil porque nos enfrontamos “a forzas moi poderosas que están detrás do Goberno de Feijoo que queren apoderase da sanidade para facer grandes beneficios, pero asístenos a forza da razón e contamos cunha gran alianza social, política, sindical e profesional representada polas Plataformas que forman SOS Sanidade Pública e que loitan en toda Galicia por manter e mellorar o noso sistema sanitario publico”.
“Só a unidade e a mobilización fará posible recuperar e avanzar a unha Sanidade Universal, accesible, equitativa e de calidade, que garanta a saúde a toda a poboación galega”, concluíron.