Milleiros de persoas rexeitan en Vigo o desfile militar e reclaman paz e soberanía

Na mobilización convocada pola plataforma Galiza pola Paz denunciouse a cultura da guerra e rexeitouse o gasto en armamento
Vigo - 30 Mai 2026

Máis de 6000 persoas participaron hoxe na manifestación convocada pola plataforma Galiza pola Paz en Vigo para rexeitar desfile militar que acolleu a cidade con motivo do chamado “día das forzas armadas” e reclamaron paz e soberanía contra a cultura da guerra e que o gasto en armamento se destine a reforzar o ensino ou a sanidade pública.

A marcha arrincou ao mediodía da cruce de Vía Norte con Urzáiz ao berro de “Nin guerras, nin OTAN, nin gastos militares” e rematou preto das 13:30 horas na contorna da Porta do Sol, onde se deu lectura ao seguinte manifesto:

Hoxe, mentres nós enchemos as rúas, na nosa cidade celébrase unha demostración do máis rancio militarismo español. Tiveron que levalo a Samil porque as rúas e prazas que as viguesas e vigueses percorremos día a día non aguantarían o peso dos tanques e porque as súas curvas, esquinas e cruzamentos non lle prestan á maniobrabilidade da tropa. E temos que dicilo sen rodeos, sen medias tintas e, sobre todo, sen pedir desculpas: este desfile é unha obscenidade. Unha obscenidade desde moitos puntos de vista. E non o é só polo que nestas semanas estamos a sofrer a veciñanza: os cortes de tránsito, as actividades desprazadas, os espazos confiscados para acomodar militares e equipamento.

Cómpre preguntármonos tamén, por exemplo, que ensinanza recibiron as crianzas dos tres centros escolares que esta semana foron levadas a presenciar o izado da bandeira española en Montero Ríos. Que lección aprenderon? “Espírito nacional"”? Que o exército español é unha saída laboral? E é obsceno, tamén, o diñeiro público tirado ao lixo para este espectáculo grotesco. Só a grada de autoridades custa 400.000 euros. Case medio millón para un día, unhas horas. Despois: desmontar e ao lixo. A pregunta é: por que é este o único gasto que coñecemos?

Mais o desembarco non se limita a Vigo. Hai días que o exército se pasea por toda Galiza a exhibir armamento pesado, a facer presentacións ás crianzas, coma unha caravana de marabillas. Unha caravana que oculta, de maneira sistemática, a única verdade: que ese armamento e eses uniformes están pensados para matar e para destruír. Hoxe ninguén pode seguir a acreditar a serio na falacia dos exércitos que percorren o mundo coma se fosen forzas de paz. Os exércitos do imperialismo só levan morte e destrución.

Hoxe en Vigo, eses tanques e eses fusís desfilan baixo o sol, para exhibir o seu patriotismo para exhibir o seu patriotismo e lembrarnos que somos un país ocupado. Polo mundo fóra eses mesmos tanques e eses mesmos fusís desfilan por cidades en ruínas e países destruídos. Por moita bandeira española que nos pinten no ceo, por moita parafernalia que despreguen, este desfile segue a ser alleo ás prioridades reais da xente desta cidade e do conxunto da clase traballadora. Mais, sobre todo, continúa a ser incompatíbel coa defensa dunha cultura de paz.

Este desfile, e todos os actos que o precederon nos últimos días, teñen unha función ben precisa: normalizar a presenza militar no noso país e facer propaganda das súas actividades diante de toda a sociedade, normalizando o exército como unha institución máis. E, sobre todo, presentalo desligado das palabras que de verdade lle pertencen: guerra, violencia, ocupación, morte. Porque este exército que hoxe desfila en Vigo é o mesmo exército que participou na invasión do Iraque en 2014. É o mesmo exército que se paseou por Afganistán até fuxir do país de calquera maneira, deixándoo aos pés do fundamentalismo talibán.

E é o mesmo exército que o Goberno español valora agora enviar á Ucraína. Disto non nos van falar. Vannos presentar as forzas armadas coma unha especie de grupo de intervención en catástrofes ou nos incendios que nos arrasan o país cada ano. Non nos deixemos enganar tan facilmente: os exércitos serven para matar, para controlar e para disciplinar. Para os incendios queremos servizos públicos e brigadas todo o ano!

Alén diso, non podemos deixar de subliñar que, segundo o artigo VIII da Constitución española en vigor -que a maioría do pobo galego non refrendou en 1978- este exército ten como misión última garantir por todos os medios a “indisoluble unidad de España”; ou sexa, negar pola forza o exercicio democrático de autodeterminación e soberanía a Galiza e aos diferentes pobos do Estado. É, pois, un exército que emprega unicamente a lingua española nos seus actos no noso territorio nacional e nega polo tanto a nosa identidade lingüística propia e histórica e non respecta sequera o seu estatus cooficial.

Por outra parte, estas xornadas non se dan no vacío: son unha aposta pola cultura bélica e a guerra e unha peza máis no proxecto de militarización das nosas sociedades. Varios Estados-membro da Unión Europea están a recuperar o servizo militar e outras formas de formación armada. Países como Alemaña aproban aumentos escandalosos no número de efectivos e no armamento almacenado. A compra de armas, sobre todo dos Estados Unidos e do xenocida Israel está en máximos históricos. E sexamos claros: ninguén compra armas para que apodrezan nos almacéns. Ninguén contrata soldados só para que desfilen, de cando en vez, con uniforme de gala. Esta militarización dáse no medio dunha rápida erosión da situación internacional.

O belicismo ianqui, acirrado xa nas últimas décadas, parece terse desbocado de vez co mandato de Donald Trump: un goberno que exixe disparar os orzamentos militares, que exixe desviar fondos á OTAN e que vai exixir que a OTAN entre nas súas guerras. Xa o estamos a ver. E dáse, tamén, nun contexto en que a propia Unión Europea decidiu desviar 800 mil millóns de euros para reforzar as súas capacidades militares -e cantidades aínda non reveladas para a propaganda bélica-. Propaganda para nos convencer de que estamos ameazadas e ameazados por unha “selva” que quere invadir o noso “xardín”. De onde sae ese diñeiro? Como se vai pagar?

A resposta é evidente: débeda pública para engordar o complexo industrial militar europeo, e recortes nos servizos públicos para pagar esa débeda. Cada euro que vaia para esta maquinaria de destrución é un euro que deixaremos de pór no ensino, na sanidade, na dependencia, na seguranza social, nas pensións, na vivenda. O exército español xa nos custa, ás galegas e aos galegos, máis de 1.800 millóns de euros cada ano en impostos. E o plano da Unión Europea, o ReArm Europe, significaría sumar uns 4.800 millóns máis. Catro mil oitocentos millóns. E aínda ninguén nos deu unha soa explicación de para que.

E vamos ser claros máis unha vez: as guerras nas que a OTAN está envolvida non foron iniciadas por ninguén que non fose a propia OTAN ou os seus membros. As agresións contra o Iraq, contra Libia, contra Siria, contra o Líbano, contra o Iémen e, nos últimos meses, contra o Irán; o secuestro do presidente da Venezuela; as ameazas crecentes contra Cuba. Nada disto é resposta a ningunha ameaza. Son todas empreitadas lanzadas desde as potencias imperialistas para servir os intereses dunhas elites que gañan diñeiro primeiro coa venda de armas, despois coa destrución e, máis tarde, coa "reconstrución".

Por que temos que seguir financiando nós as súas contas de resultados? O pobo galego ten expresado, innúmeras veces, a súa vocación pacifista. Desde a oposición á entrada na OTAN ou o movemento de obxección e insubmisión ao servizo militar obrigatorio até as repetidas manifestacións contra todas estas guerras imperialistas. Do "non á guerra" do Iraq ao "non ao xenocidio" palestino -un xenocidio que continúa, aínda que os grandes medios xa apagasen as cámaras e se esquecesen del-. A posición antimilitarista e antiimperialista do noso pobo expresouse de maneira consistente e permanente. E esta manifestación de hoxe é unha proba máis.

Por moito que insistan en normalizar o exército, en facernos esquecer o que de verdade significa e o que de verdade implica, aquí estamos.

Fronte á súa militarización, paz e soberanía!

Nin guerras, nin OTAN, nin gastos militares!