Milleiros de persoas reclaman en Vigo unha sanidade pública de calidade
Milleiros de persoas ateigaron as rúas de Vigo na tarde de onte para reclamar unha Atención Primaria de calidade e rexeitar a política sanitaria de recortes posta en marcha pola Xunta do PP. A CIG-Saúde reclama do Goberno galego que asuma dunha vez as súas responsabilidades e poña en marcha medidas que garantan unha asistencia sanitaria e unhas condicións laborais dignas.
A manifestación partiu do PAC da rúa Pizarro pasadas as 20 horas, e estivo encabezada polos 25 xefes e xefas de servizo e unidade que presentaron a súa dimisión hai dúas semanas en protesta pola insostíbel situación na que se atopa a Atención Primaria desta área sanitaria. A marcha rematou na rúa Príncipe, onde se deu lectura a un comunicado denunciando a sobrecarga asistencial, as longas listas de agarda, a falta de cobertura das ausencias, as xornadas extraordinarias esgotadoras, os contratacións lixo ou as carencias de materiais.
Aposta decidida pola Atención Primaria
A CIG-Saúde considera que o Goberno galego ten que asumir de xeito inmediato as responsabilidades polo fracaso da súa política sanitaria e apostar de maneira decidida pola Atención Primaria, con medidas que permitan a dignificación do traballo das e dos profesionais. "O persoal xa non pode dar máis de si", denuncian, pondo o acento nas condicións laborais que padecen os e as profesionais e que impiden unha atención digna ao paciente.
A asistencia multitudinaria á manifestación, a pesar das datas festivas nas que se realizou, demostra o rexeitamento social que xeran os recortes aplicados polo PP na sanidade pública na última década, que teñen levado a situacións verdadeiramente dramáticas como a vivida este verán nun PAC da Estrada.
Neste senso, dende CIG-Saúde critican que o xerente da EOXI de Vigo está demostrando unha incapacidade absoluta para xestionar a sanidade coas medidas de recortes que el mesmo aplicou cando era director xeral de Asistencia Sanitaria. "O grave da situación é que quen paga as consecuencias son as persoas enfermas e as/os profesionais", afirman.
Máis orzamentos e capacidade de xestión
Para afrontar esta situación a CIG entende que é necesario recuperar as estruturas de xestión da Atención Primaria, para que recuperen a capacidade, e incrementar os seus orzamentos para que se poida aumentar o número de profesionais con contratacións estábeis, cubrindo as necesidades reais con prazas estruturais e realizando unha Oferta Pública de Emprego do 100% das prazas realmente existentes, rematando cos efectos perversos da taxa de reposición.
De igual maneira, é preciso modificar as estruturas hospitalarias para que permitan que os e as profesionais da Atención Primaria se relacionen de xeito directo cos da Atención Hospitalaria, nun espazo de coñecemento e colaboración mutua, sen barreiras e con recursos que permitan respostas áxiles que eviten as actuais demoras non asumíbeis. Así como aumentar a capacidade docente.