
Milleiros de persoas plantan cara ás políticas de desmantelamento da sanidade pública do PP nas rúas de Compostela
Milleiros de persoas percorreron esta mañá as rúas de Compostela para manifestar o seu rexeitamento ás políticas de desmantelamento da sanidade pública postas en marcha polo Partido Popular. A manifestación, convocada por SOS Sanidade Pública, rematou nunha ateigada Praza do Obradoiro desde a que se exixiron os recursos económicos, materiais e humanos necesarios para garantir o dereito á saúde de todas as galegas e galegos.

Neste sentido, ao inicio da mobilización, o secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel G. Moreira, denunciou que a falta de recursos asistenciais, tanto nos hospitais como na atención primaria “está a vulnerar o dereito á saúde e o dereito a unha asistencia sanitaria pública e de calidade para toda a cidadanía, con independencia do lugar de residencia”.
Moreira asegurou que o compromiso coa sanidade pública “demóstrase apostando por ela nos orzamentos, dedicando os cartos públicos a reforzar a sanidade pública e non a incrementar os beneficios das empresas da sanidade privada” e reclamou máis atención primaria, máis atención hospitalaria e máis sanidade pública.
A manifestación rematou na Praza do Obradoiro coa lectura do manifesto que, de seguido reproducimos:
MANIFESTO

Una vez mais o pobo galego respondeu ao chamamento de SOS Sanidade Pública a manifestar masivamente o rexeitamento a política de recortes, deterioro e desmantelamento do Sistema Sanitario Público.
No que levamos de ano 2025 miles de persoas manifestáronse polas rúas das nosas cidades, vilas e pobos convocados polas plataformas en defensa da sanidade pública, para denunciar as consecuencias concretas da política de desmantelamento da sanidade pública.
Nalgunhas localidades galegas as Plataformas e a poboación están a defender a súa Atención Primaria e a reclamar melloras nos centros de saúde e PACs, con máis profesionais e recursos para atender, con calidade, ás necesidades da cidadanía.
Temos miles de persoas sen profesional da medicina de familia de referencia e temos miles de nenas e nenos sen pediatra. Afortunadamente as persoas que defendemos a Sanidade Pública non aceptamos isto como normal. Non é normal! É unha consecuencia directa de determinadas decisións políticas do partido Popular.

As plataformas das comarcas que perderon as súas Áreas Sanitarias e ven como se desmantelan os seus hospitais comarcais tamén están a facer un traballo constante de denuncia, reclamando a recuperación das áreas sanitarias para poder decidir sobre a planificación dos seus recursos.
Agora, miles de persoas estamos concentradas aquí para reivindicar os tres piares básicos do Sistema Sanitario Público Galego como son a Atención Primaria, que debería ser a base e o eixo do sistema; a Atención Hospitalaria, como garantía da atención aos problemas mais graves de saúde; e a Sanidade Publica, como conxunto de recursos para garantir o dereito a saúde de toda a poboación galega.
Mais Atención Primaria:

Cando reclamamos máis Atención Primaria estamos exixindo Centros de Saúde dotados de persoal suficiente de todas as categorías; ben equipados; accesibles en 24-48 horas como máximo e con consultas presenciais a solicitude do paciente.
E Puntos de Atención Continuada, PACs, coa dotación de persoal e os recursos diagnósticos necesarios para garantir a atención ás urxencias fora do horario de funcionamento dos Centros de Saúde.
Tamén reclamamos que é necesario e urxente reorientar a Atención Primaria cara a un Modelo Integral e Comunitario, que participe activamente na promoción da saúde, a prevención da enfermidade, o traballo comunitario e a participación social.
O modelo actual da Atención Primaria foi un avance moi importante no seu momento pero necesita dun cambio estratéxico para reforzar o seu papel no traballo comunitario, nas actividades preventivas e no coidado das persoas con enfermidades crónicas e con máis idade, tal e como demanda a poboación e o persoal que traballa na Atención Primaria.
Ese cambio estratéxico do modelo de Atención Primaria debe garantir a presenza de especialistas de pediatría nos centros de saúde e reforzar a capacidade da Atención Primaria para dar resposta aos problemas de saúde mental, coa presenza da psicoloxía clínica nos Centros de Saúde. Tamén debe incorporar novos profesionais, e reforzar o papel dos que xa están, para poder ofrecer o mellor servizo á cidadanía.
Mais Atención Hospitalaria

Cando reclamamos máis Atención Hospitalaria estamos a denunciar a situación de precariedade nos Hospitais públicos, con cadros de persoal insuficientes para atender con calidade aos pacientes que o necesitan, e sen capacidade de utilizar ao 100% os recursos tecnolóxicos públicos por non ter persoal contratado para utilizalos, por iso exiximos a utilización plena dos recursos instalados nos hospitais, mañá e tarde, con máis persoal para poder usalos.
Tamén demandamos a recuperación das áreas Sanitarias perdidas e os recortes nos hospitais comarcais; a restitución ao sistema publico dos centros privatizados, como o Hospital Álvaro Cunqueiro e rematar coa precariedade laboral do persoal dos nosos hospitais.
E mentres se debilitan os recursos públicos, desde a Consellería de Sanidade increméntase a derivación de pacientes á sanidade privada, para probas ou para operacións, e se manteñen contratos con hospitais privados como Ribera-POVISA para que atenda a unha parte da cidadanía.

Unha proba de como está a nosa Atención Hospitalaria é a situación das listas de agarda, que a Consellería de Sanidade oculta e manipula para que non se coñezan en toda a súa extensión. Pero o que non poden ocultar e que seguen a ser peores que antes da pandemia, e que non se solucionan derivando a actividade á sanidade privada senón facendo un verdadeiro Plan de choque para facerlles fronte con máis recursos para a sanidade pública.
Outro indicador da situación da Atención Hospitalaria é a atención aos problemas de saúde mental, cada día cunha incidencia maior na nosa sociedade. A situación de abandono e marxinación da Saúde Mental está a incrementar o sufrimento das persoas con problemas de saúde mental por iso reclamamos, como necesidade urxente, reforzar as unidades de saúde mental tanto de adultos como infanto-xuvenil.
Os cambios da Consellería de Sanidade na aplicación da lei de incompatibilidades, para facilitar que profesionais da sanidade pública traballen tamén na privada, non fai máis que reforzar a súa aposta pola sanidade privada xa que a quen máis beneficia esta dobre dedicación é á patronal da sanidade privada, que pode contratar profesionais a un menos custe.