Milleiros de persoas mobilízanse en Vigo para reclamar o rescate da sanidade e a xestión pública do hospital Álvaro Cunqueiro
A mobilización, que percorreu as principais rúas do centro da cidade, partiu da Praza dos Cabalos arredor das 20.00 horas e rematou na Porta do Sol, onde o xornalista vigués Eduardo Rolland foi o encargado de ler o manifesto final. Unha faixa da Xunta de Persoal co lema “Pola sanidade pública” abría unha marcha na que se berraron as tradicionais consignas: “A privatización é corrupción”, “Sanidade pública e de calidade”, “Vigo é a tumba do PP” ou “Queremos un hospital e non un centro comercial”.
A continuación da faixa de cabeceira, representantes da plataforma SOS Sanidade Pública -integrada por numerosos colectivos sindicais, políticos e sociais, entre eles a CIG- camiñaban portando unha faixa na que se podía ler “Paremos o desmantelamento da sanidade pública na área de Vigo”.
Ao remate da marcha, xa na Porta do Sol, reclamouse a berros a demisión do xerente da EOXI e deuse lectura ao manifesto conxunto no que se incidía no feito de que os recortes introducidos no proxecto inicial do novo hospital da cidade “acentuaron os déficit sanitarios que levamos padecendo dende hai xa demasiados anos”. Segundo denuncian, con estes recortes, a Xunta do PP renunciou a crear un complexo hospitalario de referencia estratéxica para o sur de Galiza que equilibrase a oferta sanitaria do país.
Ao mesmo tempo, alertan de que a redución de camas no centro médico agravará aínda máis a situación asistencial e unhas listas de espera inaceptábeis: as camas de hospitalización do Álvaro Cunqueiro pasaron de 1450 a 845 e tamén se reduciron no Nicolás Peña. En definitiva, das máis de 2000 camas previstas para o Chuvi haberá finalmente 1260. “Os recortes converteron o novo hospital nunha gran superficie comercial incapaz de satisfacer as necesidades de atención especializada da cidadanía”, critican.
Deterioro da Atención Primaria
Outro dos aspectos que se recollen no manifesto ten que ver co deterioro da Atención Primaria a causa da mala planificación na asignación territorial dos centros de saúde e pola paralización do Plan de Mellora de Atención Primaria. “Esta situación xera unha importante saturación asistencial dado que máis do 50% dos centros de saúde teñen máis de 35.000 tarxetas sanitarias individuais, mentres que a escaseza no equipamento de recursos diagnósticos e terapéuticos reduce a súa capacidade resolutiva”.
Fronte a isto, consideran que a reordenación da área sanitaria debera basearse na integración de todos os recursos asistenciais para evitar a fragmentación e descoordinación entre centros, servizos e niveis asistenciais, así como na creación de novos recursos para completar unha oferta asistencial racional e axustada ás necesidades e ao volume de poboación.
“O peche de centros, as limitacións do novo hospital e a necesidade de completar a oferta asistencial precisan de novos espazos sanitarios na área, polo que se deberan utilizar os que quedaron baleiros no Xeral tras o traslado de recursos ao Cunqueiro”. Lembran que os Anexos I e II están en bo estado de conservación e foron reformados e ampliados hai pouco, polo que non se precisaría grandes investimentos para a súa posta en marcha.
“A boa noticia, diante desta desfeita, é que é posíbel rescatar a nosa sanidade pública se todos/as decidimos facelo posíbel”, sosteñen. Neste senso, consideran que se podería reintegrar o novo hospital ao sistema sanitario público en base ás irregularidades da Lei de Contratos do Estado e da lexislación europea sobre colaboración público-privada.
Para logralo, esixen a creación dunha comisión integrada por todos os sectores implicados (Xunta de Persoal, responsábeis dos servizos asistenciais, persoal sanitario, técnicos/as da Consellería de Sanidade, Comisión de Participación da Área e Concello de Vigo) para avaliar os problemas e deficiencias do edificio, accesos e servizos asistenciais e de apoio, e para elaborar un Plan de Recuperación do Centro a curto e medio prazo, segundo o previsto no Plan Funcional.