Milleiros de persoas mobilízanse en Vigo ao berro de “Vitrasa culpábel, Concello responsábel!”
Unha multitudinaria manifestación comarcal convocada pola CIG, CCOO, UGT e USO percorreu as rúas de Vigo este sábado en solidariedade coa loita do persoal de Vitrasa, que leva anos reclamando un convenio colectivo digno e un transporte público de calidade.
Ao remate da marcha, que se celebrou baixo unha constante choiva entre a Praza dos Cabalos e o cruce de Colón ao berro de “Vitrasa culpábel, Concello responsábel!” e “Menos luces e máis autobuses”, o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, lembrou que ademais das condicións laborais dos traballadores/as está en xogo tamén o propio servizo de transporte urbano.
Un servizo que ser ten recortado e precarizado nos últimos catro anos coa desaparición de liñas como a C2, N2, N3 ou PMR, e coa redución de máis de 250 expedicións ao día, o que supuxo un aumento dos tempos de espera debido a diminución de frecuencias. “Ofrécese un peor servizo, sobre todo nos barrios e nas parroquias, pola imposición dos chamados horarios flexibles e o mantemento dun mapa de liñas obsoleto”, denunciou Gonçalves.
Mentres que neste período o prezo do billete aumentou até tres veces (cun incremento total do 16%), situando o autobús de Vigo como o máis caro de toda Galiza. Ademais, Vitrasa tenlle solicitado ao Concello un reequlibrio económico de 31 millóns polas presuntas perdas xeradas durante a pandemia. “Toda esa inxente cantidade de diñeiro vai a parar unicamente ao peto da empresa, que non inviste un só céntimo na mellora do servizo, nin tampouco na mellora das condicións de traballo do persoal”.
Complicidade do Concello coa empresa
Neste senso, lembrou que os traballadores/as levan máis de tres anos cos soldos conxelados, perdendo poder adquisitivo pola negativa da dirección a sentarse a negociar un novo convenio colectivo (o anterior leva caducado dende 2020). En consecuencia, o persoal de Vitrasa reclama unha actualización dos seus salarios e tamén unha serie de melloras que permitan ofrecer un servizo de calidade.
Mais o bloqueo da negociación “polo enroque da empresa” obrigou a iniciar unha folga indefinida o pasado 25 de novembro, sen que o Goberno municipal de Abel Caballero teña feito nada para promover unha resolución ao conflito. “Ao contrario, consente de maneira cómplice os incumprimentos de Vitrasa do prego de condicións e das súas obrigas co cadro de persoal”, rematou.