Milleiros de persoas mobilízanse en Compostela para “salvar” a Atención Primaria
Milleiros de persoas percorreron esta mañá as rúas de Compostela para denunciar a situación na que se atopa a Atención Primaria. Un deterioro que vén de anos e que empeorou coa pandemia, deixando en evidencia a falta de persoal e de medios que sofre. Unha situación da que SOS Sanidade Pública responsabiliza á política sanitaria exercida durante a última década polo PP e a consellaría de Sanidade que recortou os orzamentos, desmantelou as estruturas directivas e non adoptou medidas, tras 12 anos continuados de xubilacións de profesionais e de contratación en precario, que provocaron a fuxida do persoal cara outros servizos de saúde.
A marcha rematou na praza da Quintana, na que se deu lectura ao manifesto SALVEMOS A ATENCIÓN PRIMARIA. NA DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA:
Antes da pandemia da Covid-19 a Atención Primaria xa atravesaba unha profunda crise estrutural, con déficit de profesionais pola falta de adecuación dos cadros de persoal as necesidades poboacionais, a non renovación de xubilacións, baixas e vacacións, e as demoras e masificación na asistencia, como consecuencia dos recortes nos orzamentos aplicados polos sucesivos gobernos do Partido Popular. Na actualidade, os orzamentos na Atención Primaria apenas supoñen o 12 % do orzamento sanitario total, que é evidentemente insuficiente e é urxente incrementalo.
Durante a pandemia, en Atención Primaria priorizouse a atención telefónica sobre a presencial o que impediu o acceso dos pacientes aos centros sanitarios e reduciuse o aforo das salas de agarda obrigando aos pacientes a facer cola fóra dos centros de saúde. Suspendeuse a realización de probas e controles de saúde periódicos, sobre todo en pacientes con patoloxías crónicas. Estas medidas para evitar a transmisión, están tendo consecuencias negativas na calidade da atención que reciben as e os cidadáns, entre elas o atraso no diagnostico de patoloxías como as tumorais.
Hoxe temos agardas de máis de 10-12 días para recibir atención médica de forma telefónica no Centro de saúde, que poden chegar a un mes para unha consulta presencial, o que non é comprendido pola cidadanía e orixina nela un sentimento de abandono e desprotección por parte do Sistema Sanitario Público e un incremento das urxencias hospitalarias.
O contacto e a relación médico-paciente constitúe o alicerce fundamental da Atención Primaria, polo que manter esta modalidade de consulta telefónica ou telemática como base da atención sanitaria supón unha enorme limitación da accesibilidade, racionalidade e calidade do modelo sanitario. Isto xenera malestar social e profesional que vai en aumento, cun deterioro da imaxe do Sistema Sanitario Público.
Durante os meses de confinamento, as traballadoras e os traballadores da Sanidade Publica recibiron o recoñecemento e a gratitude da cidadanía ao labor desenvolvido en durísimas condicións. Este recoñecemento abría a esperanza de que, tras o estado da alarma sanitaria, o SERGAS impulsaría medidas e reformas para mellorar e fortalecer esta primeira liña asistencial, tal como recomendan as sociedades científicas, axentes sociais e sindicais. Lamentablemente a realidade é ben distinta e a cidadanía atopamos a mesma precariedade anterior acrecentada por unha atención baseada en primar consultas telefónicas sobre as presenciais e con restricións de acceso ao Centro de Saúde.
Hai que recuperar a atención presencial e o acceso aos centros o antes posible, para evitar un maior deterioro do propio sistema e empeorar os datos de saúde da poboación.
As barreiras de acceso á Atención Primaria favorece a privatización, coa correspondente fuxida das persoas con maior capacidade económica aos seguros privados (na actualidade xa supón un 20% da poboación) e a desprotección das persoas con menos recursos, en consecuencia un aumento da inequidade. Especialmente grave no caso da atención á saúde mental, no que hai un aumento constante de consultas, sobre todo na mocidade, e estreitamente relacionadas con desigualdades sociais e económicas, e na que a Atención primaria ha de poder dar unha resposta accesible en tempo e medios, así como unha atención integral.
Para reverter esta situación, é necesario:
- A apertura dos Centros de Saúde, con consultas 100% presenciais como única maneira de garantir a igualdade de oportunidades á poboación, nun entorno seguro que manteña as medidas hixiénicas e sanitarias: máscaras e distancia de seguridade.
- Reapertura de tódolos Consultorios existentes e que foron pechados pola pandemia de Covid-19.
- Mellorar a accesibilidade acabando coas listas de espera, co desdobramento das consultas e o incremento de persoal para a súa atención. Limitando as consultas telefónicas ou telemáticas a actividades complementarias, que non limiten ou interfiran a necesaria relación persoal e presencial entre traballadores e traballadoras da Atención Primaria e a poboación, e que non sigan discriminando aínda máis ás persoas maiores ou con dificultades de acceso no manexo das novas tecnoloxías.
- Incrementar de maneira urxente o orzamento sanitario destinado a Atención Primaria. O obxectivo seria acadar o 25% do presuposto en 5 anos. Estes orzamentos deberán ser Finalistas para que non rematen noutras partidas.
- Contratar e acabar coa precariedade laboral do persoal implementando un “Plan de Mellora da Atención Primaria” que redimensione os equipos multidisciplinares para dar cobertura ás necesidades de saúde da poboación. E inadmisible o despido de mais de 1500 profesionais despois da pandemia
Esiximos a o SERGAS e o Goberno Galego da Xunta:
- A recuperación da accesibilidade aos centros asistenciais. Atención 100% Presencial XA !!
- Incremento do cadro de persoal, nos Centros de Saúde de Galicia.
- Repoñer a Xerencia de Atención primaria que eliminaron, como forma de organización especifica da área e con presuposto propio e non dependente do hospital de referencia.
A Xunta de Galicia do Sr. Nuñez Feijoo e o seu goberno, é o único responsable do deterioro da Atención Primaria en beneficio da sanidade privada. Se non facemos unha forte presión social e profesional para conseguir cambios de calado, a nova realidade pos-pandemia pode deteriorar aínda máis a situación que vimos padecendo dende hai moito tempo. De Nós depende!!