Milleiros de persoas mobilízanse coa CIG no Día da Clase Obreira Galega esixindo a anulación das reformas laborais
Galería de imaxes das concentracións e manifestacións
Galería de imaxes das asembleas de delegadas/os
Vídeo da manifestación de Vigo
En Galiza hai 243.000 persoas desempregadas, das que o 43.3% leva máis de 2 anos no paro e menos do 50% percibe algún tipo de prestación. 177.000 galegos e galegas (o 18.3% dos/as asalariados/as) perciben menos da metade do SMI; é dicir cobran menos de 2.000 euros ao ano. Son, polo tanto, traballadoras e traballadores en situación de pobreza a pesar de ter a condición de asalariados/as.
Galiza perde poboación activa e poboación ocupada entre as persoas menores de 34 anos, superando xa as 100.000 dende o ano 2010. Substitúese emprego fixo e a tempo completo por traballo temporal e a tempo parcial. Rexístrase unha caída xeneralizada dos salarios, que afecta con máis dureza ás mulleres e á mocidade. En definitiva, a clase traballadora sufrimos recortes de dereitos, condicións laborais e calidade de vida.
Este é o panorama que nos deixan estes oito anos dende o estoupido da crise financeira, aderezados coas políticas regresivas impostas polos gobernos do PSOE e do PP, ao ditado da denominada “troika”. Este é o panorama no que a CIG desenvolveu a xornada de asembleas e mobilizacións deste 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega.
Unha loita vixente
“44 anos despois dos sucesos que deron orixe a esta conmemoración, Galiza perde habitantes, peso económico e político no Estado e na UE. E a nosa clase traballadora sofre o maior recorte de dereitos dende a ditadura”, denunciaba o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, ao remate da manifestación celebrada en Ferrol.
A cidade que veu como en 1972, no marco das protestas dos operarios/as dos estaleiros por un convenio provincial, dous compañeiros da Bazán, Amador e Daniel eran asasinados a tiros pola policía franquista, máis de 20 persoas resultaban feridas, sucedíanse os despedimentos e as detencións. Porén, nin sequera a brutal represión puido evitar que a mobilización obreira se estendera ao resto do país, con especial forza en Vigo, onde en setembro dese mesmo ano haberá unha folga xeral.
Esa loita exemplar, no xerme do sindicalismo nacionalista de clase, é unha data de referencia da clase obreira galega. Por iso, como xa é habitual, a CIG comezou a xornada de reivindicacións do 10 de Marzo en Ferrol, cunha homenaxe floral aos pés do momento que lembra aqueles sucesos de 1972.
Deterioro das condicións laborais e de vida
Catro décadas máis tarde, Xesús Seixo advertiu sobre o deterioro do mercado laboral, até o extremo de que “a nova xeración de traballadores e traballadoras afronta condicións laborais e salariais peores que as dos seus pais e nais”. Isto prodúcese, engadiu, porque neste tempo non fomos quen de rachar cos mecanismos que utiliza o capital para explotarnos “como clase e como pobo”.
Esta situación, aseverou, vese agravada pola condición de Galiza como nación dependente e polo papel asignado ao noso país no marco do Estado español e da UE. "O espolio dos nosos recursos naturais e enerxéticos, a compra do noso sector financeiro e de grandes empresas por capital foráneo, a perda da capacidade produtiva e de emprego do sector primario, do naval ou do eólico, a caída e avellentamento da poboación, ... agudizan aínda máis o carácter periférico e dependente de Galiza e dificulta o desenvolvemento económico e a mellora das condicións de vida das clases populares galegas", aseverou.
O Secretario Xeral da CIG censurou que continuamos a vivir baixo un modelo económico e social, o capitalista, inxusto, insolidario, opresor e ao servizo dunha minoría que acumula riqueza e poder "a conta de roubarlle á maioría social a súa forza de traballo" e negándolle dereitos básicos en condicións dignas e con carácter universal.
Dereitos como o salario, as pensións, o ensino, a saúde, a vivenda, a enerxía, ou o dereito de autodeterminación, “o dereito a gobernarse por si propios todos os pobos do mundo, entre eles o noso, o pobo galego”.
Fronte a isto, Seixo chamou á clase obreira galega a se organizar e loitar polos nosos dereitos e por unhas condicións dignas "na procura de mudar a correlación de forzas ao noso favor fronte ao capital, fronte ao Estado español e fonte á UE, no camiño dunha Galiza ceibe e sen explotación, que foi e segue a ser obxectivo estratéxico da nosa central sindical".