
Milleiros de persoas marchan contra a permanencia de Ence e a instalación de Altri

Varios milleiros de persoas convocadas pola Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) xunto á Plataforma por unha Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (Pedra) marcharon hoxe a pé dende as alamedas de Pontevedra e Marín para rexeitar tanto a presenza da pasteira Ence como a instalación da macrocelulosa proxectada pola empresa Altri na comarca da Ulloa.
A manifestación arrincou pasado o mediodía de xeito simultáneo dende as alamedas pontevedresa e marinense baixo o lema ´Nin Ence na ría, nin Altri na Ulloa. Celulosas fóra!’ e rematou diante da pasteira en Lourizán, onde se reclamou un modelo de desenvolvemento sostíbel para Galiza e se denunciou a política de depredación do país que está a levar a cabo o PP e o modelo colonial de espoliación dos nosos recursos que representan estes dous proxectos e outros como o da mina de Touro.
A mobilización contou co apoio de multitude de colectivo e organizacións, entre elas a CIG, que lamenta que a Xunta considere “estratéxicos” unha mina e unha macrocelulosa contaminante mentres “despreza os sectores agrogandeiro, pesqueiro, marisqueiro e bateeiro e fai oídos xordos ao clamor social contra estas bombas ambientais que ameazan o presente e o futuro de Galiza”.