Milleiros de persoas maniféstanse na Coruña en demanda de solucións inmediatas para a industria electrointensiva
Milleiros de persoas manifestáronse este sábado polas rúas da Coruña para esixir ao Goberno español solucións inmediatas para atallar a grave crise que atravesa a industria electrointensiva. A marcha, que partiu da Praza da Palloza e rematou na Delegación do Goberno, foi convocada polos comités de Alcoa, Ferroatlántica e Celsa Atlantic en demanda dun novo marco regulador da enerxía que garanta a viabilidade deste sector industrial e dos miles de empregos que del dependen.
Ao inicio da manifestación, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, alertaba que os reiterados e permanente incumprimentos de Pedro Sánchez e o seu Goberno coa industria electrointensiva "está a provocar o inminente peche de Alcoa", pero tamén a extensión a outras empresas das ameazas ao futuro dos postos de traballo.
Para máis despropósito, engadiu, o Goberno español non só non avanza nun marco regulador máis estábel, xusto e predicíbel (que pasa pola aprobación do Estatuto do Consumidor Electrointensivo que se comprometeu a publicar antes das eleccións xerais do 28 de abril, pero que ten aparcado nun caixón); senón que mantén unha regulación para o sector "que segue tendo na ruleta rusa das poxas a solución para a industria con grandes consumos de enerxía". Neste senso, subliñou que xa se ten demostrado que o sistema de adxudicación da interrumpibilidade "é a verdadeira causa da inestabilidade e do risco permanente dos postos de traballo neste sector".
Ante a dura crise industrial que vivimos, Carril demandou a aprobación inmediata do estatuto e a superación do sistema de poxa de interrumpibilidade, mais mentres non exista esta nova regulación que se manteñan as poxas con carácter anual e cos importes e bloques medios dos últimos anos. Afirmou que en tanto non haxa unha solución neste camiño que dea estabilidade ao sector, "o Goberno non pode aprazar unha saída para as fábricas de Alcoa, que pasa pola adquisición pública das plantas, tal e como dende a CIG temos demandado".
Esta posibilidade, explicou Carril, non só é legal e viábel (tal e como así o acredita o informe encargada pola CIG á Universidade da Coruña), senón que existen precedentes de actuacións similares na UE, como o caso da planta de aluminio de Portovesme, no seu día pechada por Alcoa e plenamente activa tras ser intervida de maneira transitoria polo Estado italiano.
A Xunta debe facer valer as súas competencias
De igual xeito, a CIG esixe que o Goberno galego faga valer as súas competencias e actúe con firmeza e decisión na defensa da industria galega. "Non nos podemos permitir que en Galiza, sendo país gran produtor e exportador de enerxía produtora, pechen fábricas e se destrúan empregos polos altos custes da electricidade", aseverou.
Neste contexto, a central sindical reclama a intervención urxente da Xunta ante o anuncio de venta feito polo Grupo Villar Mir que, "aínda que de maneira máis sofisticada, repite a mesma operación que en 2017, co único obxectivo de vender as centrais hidroeléctricas e segregar a actividade enerxética das ferroaliaxes, tal e como evidencian os termos da venta e quen é o comprador".
Manifesto conxunto dos comités de empresa
Ao remate da marcha, o actor Santiago Fernández foi o encargado de dar lectura ao manifesto que pasamos a reproducir:
Estamos aquí, ante a Delegación do Goberno español en Galiza para afirmar o noso compromiso con esta mobilización que convocan os comités de empresa de Alcoa A Coruña, Ferroatlántica Sabón, Ferroatlántica de Cee–Dumbria, Alcoa San Cibrao e Celsa Atlantic. No nome de todos eses comités de traballadores e traballadoras, aldraxados/as e cabreados/as por tanta promesa incumprida, achégovos o seu agradecemento pola vosa presenza e apoio.
Esta mobilización vén motivada pola dura crise que está a padecer o sector siderúrxico e en protesta pola inacción e desidia, polos enganos e falsidades en materia de política industrial do Goberno central e da Xunta de Galiza que, de non reaccionar a tempo, vai deixar os polígonos industriais convertidos nun deserto, e a Galiza, unha vez máis , nunha fábrica de emigrantes.
Os convocantes desta mobilización son traballadores e traballadoras de empresas electrointensivas que están cansos de contemplar a nefasta política en materia enerxética desenvolvida pola Administración central ao longo dos últimos 8 anos, e cabreados/as de tantas “promesas incumpridas” para regular unha tarifa estábel e competitiva para o seu sector.
A ausencia dunha regulación enerxética axeitada para a industria electrointensiva está a provocar un aumento dos custos enerxéticos e por conseguinte unha perda de competitividade da nosa industria fronte aos países da nosa contorna, dentro e fóra da Unión Europea.
Esta nefasta política enerxética está tendo como resultado que empresas como Alcoa da Coruña estean nunha situación crítica, pendente de encontrar un inversor antes do 30 de xuño para evitar o peche das liñas de electrólises; ou que as factorías de Ferroatlántica de Sabón e Cee–Dumbría estean a enfrontarse a recortes de produción, ERTEs e á venda do grupo en anacos, sen saber con que fin.
Tanto o Estado español como a Xunta de Galiza teñen a obriga ética e política de participar, como inversores, na adquisición das empresas con problemas como Alcoa da Coruña, Ferroatlántica, etc, garantindo así a transición ao momento no que por fin se acade un prezo competitivo. Non rescataron á Gran Banca? Non interviñeron autoestradas? Que pasa coa nosa industria? Por que os nosos gobernos non a defenden do mesmo xeito?
Todas e todos estamos afectados, porque as empresas que non están na situación anterior ven como os seus equipos directivos esquivan facer os investimentos necesarios para o seu futuro e reducen custes empeorando deste xeito as condicións laborais dos traballadores e traballadoras.
A finais do ano pasado o actual goberno estaba en funcións, pero en pouco tempo xa non o estará e será un goberno que se consolidará polo menos uns catro anos máis. Ben, pois este Goberno comprometeuse vía Real Decreto Lei a elaborar un Estatuto para as Empresas Electrointensivas que regularía a inestábel situación enerxética deste sector e dotaríaa así de prezos eléctricos competitivos.
Compromiso que a día de hoxe está incumprido e non sabemos cando se vai materializar, polo que esiximos ao Goberno a súa aprobación pola vía de urxencia, como nos prometeran en plena campaña electoral. Son tamén políticos/as sen honra? Si, son políticos sen honra, non son honrados. Non cumpren o prometido.
O obxectivo prioritario da Administración central e da Xunta de Galiza, e de todos os poderes públicos, debe consistir en que a industria electrointensiva compita en igualdade de condicións de mercado co resto de produtores mundiais. Eís as obrigas dun bo político, dun bo administrador, pois os políticos non son máis nin menos, que os xestores dos nosos recursos, dos nosos aforros, dos nosos cartos, das nosas industrias creadas coa suor e o traballo de todos/as nós e de quen nos precedeu.
Para iso, débense impulsar políticas idóneas de enerxía, cambio climático e uso eficiente dos recursos, polo que resulta urxente modificar a actual lexislación nesta materia, recuperando o control público do prezo da enerxía, tratando de reducir a fenda en prezos enerxéticos fronte aos nosos competidores europeos.
É un despropósito que en Galiza, sendo excedentaria na produción de enerxía eléctrica e soportando os custes sociais e ambientais que xera esta actividade, teñamos ameazado o futuro da industria do país por culpa do alto prezo da enerxía.
Non podemos esquecer que estamos en Europa, na Comunidade Europea e é alí, tamén e sobre todo, onde temos que esixirlle aos nosos representantes políticos que negocien as mellores condicións enerxéticas para o noso país debido á falta da interconexión eléctrica, ou impulsen unha tarifa eléctrica unificada dentro da UE, e así poder contratar a electricidade en calquera país da Unión, acabando deste xeito co oligopolio das empresas enerxéticas españolas que, xunto coa permisividade dos Gobernos de quenda, son as culpábeis dos elevados prezos que pagamos. Non somos só os traballadores e traballadoras de Alcoa, somos todos os galegos e galegas quen pagamos un prezo altísimo pola enerxía que consumimos.
Os traballadores e traballadoras das empresas electrointensivas estamos a padecer unha gran inxustiza e loitamos, e loitaremos sempre contra a gran estafa eléctrica establecida neste país, por iso solicitamos a axuda de toda a cidadanía, de todo o pobo porque todos e todas estamos sendo estafadas.