Milleiros de persoas maniféstanse en Compostela polo dereito a decidir e a prol do referendo catalán
Milleiros de persoas saíron ás rúas de Compostela este sábado para trasladar ao pobo catalán unha mensaxe “de solidariedade, de apoio e de ánimo”, defender o dereito de autodeterminación e a celebración do referendo convocado para este 1 de outubro, así como denunciar a situación política de “máxima excepcionalidade” que se está a vivir en Catalunya nas últimas semanas.
A manifestación foi convocada pola Plataforma Galiza con Catalunya, da que a CIG fai parte, e marchou dende a Alameda compostelá até a Praza de Praterías ao berro de “Si ao referendo, Si á Catalunya como Estado independente en forma de República e Si á democracia”. Ao remate, o Presidente da Fundación Moncho Reboiras, Xesús Seixo, a profesora e activista social, Elvira Souto, o escritor Víctor Ledo e a escritora Eli Ríos, foron as persoas encargadas de dar lectura a un manifesto no que se aseverou que “mañá o pobo catalán votará e decidirá libre e democraticamente o seu futuro”.
Na intervención destacouse a resposta firme, con valentía política e que de xeito masivo e absolutamente pacífico está a ofrecer o pobo catalán fronte ás reaccionarias accións do Goberno español para impedir o referendo, “incapaz de permitir calquera exercicio democrático real que vaia contra a unidade e a indivisibilidade que a ditadura fascista de Franco estabeleceu e a Transición apuntalou”.
Porque non se trata só dunha cuestión territorial; está todo en xogo o proxecto político e económico da oligarquía española, de aí as ameazas e a violencia “de quen necesita perpetuar a dominación”. “Para os poderes españois, a posibilidade de que as nacións que non recoñecen envereden polo camiño da súa independencia non é unha opción”. Porén, a imposibilidade de pór cancelas á vontade popular que desbordou hai tempo as marxes, apunta de maneira clara cara á crise do modelo do 'todo atado y bien atado', situando nas declaracións de independencia destas nacións “a verdadeira panca que pode acabar de fracturalo por completo”.
Por iso, “a loita do pobo catalán é tamén a nosa loita. Porque non é só o problema de Catalunya. Tamén nos afecta a nós, aos nosos dereitos e liberdades democráticas, individuais e colectivas, ao dereito inalienábel do pobo galego a decidir libremente o seu futuro”, aseverouse.
Aplicación do artigo 155 “pola porta de atrás”
No manifesto denunciouse a situación política en Catalunya “de máxima excepcionalidade”, tal e como recoñeceu, entre outros organismos internacionais, a propia ONU, que esta mesma semana instaba ao Goberno español a respectar os dereitos fundamentais e a que se garanta a liberdade de expresión, asemblea e reunión, e de participación pública.
Uns dereitos violentados polas medidas aplicadas polo goberno de Rajoy: rexistros de imprentas, medios de comunicación ou sedes de organizacións políticas e sociais, chamada a declarar en calidade de investigados/as a preto de 750 alcaldes e alcaldesas, censura de webs informativas, ameazas a funcionarias que colaboren coa realización do referendo, importantes multas económicas e sancións administrativas a membros do Govern e da Mesa do Parlament, asalto de diversas institucións catalás e a detención de membros dun goberno catalán lexitimamente saído das urnas, prohibición e denegación de espazos públicos para a realización de actos, intento de toma de control desde Madrid dos Mossos d´Esquadra, ou o desprazamento de efectivos policiais e militares españois sen precedentes na historia recente.
“En definitiva,asistimos a un estado de excepción non declarado e á aplicación do artigo 155 da Constitución española pola porta de atrás”, denunciouse.
Colocámonos do lado de quen pula polo exercicio do dereito de autodeterminación e a realización do referendo. É a nosa maneira de nos colocar do lado da democracia”
Proceso de acumulación de forzas de ruptura
Mais o referendo do día 1 de outubro é froito dun traballo de acumulación de forzas de ruptura, da mobilización popular “e dunha folla de ruta o suficientemente clara. Por iso hoxe, as organizacións que facemos parte da Plataforma Galiza con Catalunya colocámonos do lado de quen pula polo exercicio do dereito de autodeterminación e a realización do referendo. É a nosa maneira de nos colocar do lado da democracia”.
“Dicímoslle aos inquisidores do século XXI, aos que chaman 'referendo ilegal' á democracia, 'desafío secesionista' ao dereito de autodeterminación e impoñen tricornios sobre urnas, que mañá o pobo catalán votará e decidirá libre e democraticamente o seu futuro”, concluíron.