Foz mobilízase en demanda dunha tarifa industrial estábel, predicíbel e competitiva
Milleiros de persoas concentráronse na Praza Conde de Fontao Foz este mércores pola tarde en demanda dun novo marco regulador da enerxía que dote de futuro a actividade produtiva e o emprego na fábrica de aluminio de San Cibrao. A protesta tiña lugar un día despois de publicarse a convocatoria da nova poxa de interrompibilidade, que empeora as condicións dos anteriores e sen que até o momento exista ningún avance para a aprobación do estatuto do consumidor electrointensivo.
Dende a sección sindical da CIG explican que o recorte nos paquetes de enerxía a adxudicar nesta poxa (só están previstos paquetes de 5 MW) significa que as industrias con maiores consumos (como a produción de aluminio, que é máis electrointensiva de todas) veranse máis prexudicadas, xa que non terán ningunha baixada significativa no custe da enerxía, cada vez máis elevado, e polo tanto, terán máis dificultades para competir con outras plantas. Nestas condicións poderíase dar incluso a circunstancia de que Alcoa non concorra no proceso, favorecendo así ter unha escusa para aplicar máis axustes laborais e produtivos no complexo de San Cibrao.
A representación da CIG recoñece que, en todo caso, a poxa non é máis que un parche temporal e que "San Cibrao necesita dun estatuto canto antes, porque se non hai unha tarifa estábel e competitiva, a empresa vai dar un paso que podería ser a parada de máis cubas de electrólise, un ERE temporal, etc.", alertan.
De aí que a sección sindical da CIG inste ao Goberno español "a moverse, a "pór as cousas claras" e dar unha solución definitiva para toda a industria galega con grandes consumos enerxéticos.
Neste senso, hai que lembrar que a CIG vai continuar o vindeiro 10 de decembro na Coruña o calendario de mobilizacións que vén desenvolvendo dende hai máis de un ano en demanda dunha tarifa industrial estábel e con variacións predicíbeis que permita reverter a situación agónica do sector. Unha crise que pon en risco a continuidade de miles de empregos no noso país e compromete a viabilidade produtiva e os investimentos para a modernización deste tipo de fábricas con elevados consumos de enerxía.