Milleiros de persoas claman en Vigo “pola dignidade da sanidade pública”
Milleiros de persoas mobilizáronse este xoves polas rúas de Vigo “pola dignidade de sanidade pública” convocadas pola xunta de persoal e para esixirlle ao Sergas que cese nos recortes e contrate máis persoal para poder prestar unha atención de calidade. “A privatización é corrupción”, “Goberne quen goberne a sanidade non se vende” e “Conselleiro dimisión” foron novamente as consignas que máis se escoitaron durante unha marcha que saíu do hospital Xeral e rematou na Porta do Sol.
Ao remate da manifestación, a segunda multitudinaria que se celebra en menos dun mes tras a promovida polos xefes/as de servizo de Atención Primaria, denunciouse que dende o inicio da crise a cobertura sanitaria non fixo máis que empeorar pola falta de recursos e a saturación do sistema.
Ademais, criticouse a política de recortes que está a aplicar dende entón o Goberno galego e que está a causar graves problemas en Puntos de Atención Continuada (PAC), Atención Primaria e nos hospitais, polo que se reclamou a dimisión do presidente da Xunta, do conselleiro de Sanidade e do xerente da EOXI de Vigo.
Na marcha participaron os distintos colectivos que se atopan en pé de guerra na defensa dos seus dereitos laborais e dunha atención sanitaria digna e de calidade, como son o persoal dos PAC ou de Atención Primaria (centros de saúde), cuxos/as xefes/as de servizo dimitiron en bloque recentemente en protesta polas condicións nas que teñen que desenvolver o seu traballo.